publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación da transferencia ao Concello de Culleredo do treito da estrada AC-211, que une a Ponte do Burgo e a travesía de Fonteculler

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade do treito da estrada San Pedro de Nós-A Pasaxe (AC-211), que vai dende a Ponte do Burgo ata a travesía de Fonteculler, a prol do Concello de Culleredo.

Trátase do treito de 2,67 Km de lonxitude comprendido entre os puntos quilométricos 0+680, situado na ponte do Burgo, no límite co Concello de Cambre e 3+350, punto no que finaliza a travesía de Fonteculler, limítrofe co Concello da Coruña.

A solicitude do municipio estende o cambio de titularidade á totalidade da zona de dominio público, polo que están tamén incluídos os elementos funcionais da estrada, entre os que se atopa unha antiga caseta de legoeiros ubicada no tramo. Polo tanto, proponse o cambio de titularidade a prol do Concello de Culleredo do citado treito da estrada AC-211; e a casa de legoeiros, situada á altura do PQ 2+050 da marxe dereita da vía.

A cesión tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O cambio de titularidade será efectivo dende mañá e a entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes mediante a sinatura da correspondente acta.

Corresponderanlle ao Concello de Culleredo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra como nova Administración titular.

Melloras na estrada

Cómpre lembrar que nos últimos anos a Axencia Galega de Infraestruturas traballou na mellora desta estrada, acometendo dúas importantes actuacións que permitiron que se atope nestes momentos nun estado axeitado de conservación, o que propicia o seu cambio de titularidade.

En 2009, levouse a cabo a mellora do tramo O Burgo – A Pasaxe (PK 0+910 a 3+510) na que se investiron máis de 1,9 millóns de euros. A actuación consistiu no acondicionamento de marxes, a rehabilitación do firme e a mellora das interseccións, executando catro glorietas que melloraron de xeito notable a fluidez do tráfico.

Ademais, en 2014 realizouse a adecuación da estrada na ponte do burgo (PK 0+650), para a que se achegaron preto de 500.000 euros. Con esta obra incrementouse a capacidade da ponte, dispoñendo un novo carril para o tráfico rodado; executouse unha pasarela para uso peonil pola marxe dereita, para o que foi necesario ampliar a ponte que dá continuidade ao paseo marítimo, e executouse unha nova glorieta na intersección entre a AC-211 (PK 0+650) e a estrada provincial DP-1706.

5 de abril de 2016 | 11:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.