O conselleiro de Sanidade destaca a apertura do Hospital do Salnés e a declaración do CHOP como universitario como fitos máis salientables da sanidade pontevedresa nos últimos 25 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe tres fitos fundamentais neste eido que aconteceron en Pontevedra dende o traspaso á Comunidade Autónoma das funcións e servizos do Instituto Nacional da Saúde: a apertura do Hospital do Salnés, en 2001; o feito de que se pilotase precisamente nesta área a Historia Clínica Electrónica IANUS, que hoxe é un referente en toda España; e a declaración como Universitario do Complexo Hospitalario en 2012.

Vázquez Almuiña inaugurou hoxe a exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde que acolle o centro de saúde da Parda. Alí, salientou tamén que o pasado ano, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra recibiu o prestixioso premio Best in Class pola mellor atención ao paciente con psoríase; ademais de ser o segundo centro sanitario con máis candidaturas finalistas, con once servizos e procesos seleccionados entre os máis destacados de España.

Así mesmo, observou que recentemente, acaban de outorgarlle o Premio Sanitario 2016 á Excelencia en Calidade concedido pola Fundación Avedis Donabedian, tamén un dos galardóns máis prestixiosos no ámbito sanitario. Con este premio, afirmou, recoñécese un modelo organizativo que facilita a continuidade entre os niveis asistenciais, coa implantación de procesos coordinados nos centros de saúde e nos hospitais da área, que permiten mellorar a calidade da atención e a accesibilidade da poboación ás prestacións sanitarias públicas.

O conselleiro indicou que na mostra se pode ver como teñen cambiado as infraestruturas, os servizos, as persoas e o sistema pero engadiu que, se ben achegan un punto de nostalxia, o obxectivo do Sergas é mirar cara o futuro e seguir mellorando. Nesta área, por exemplo, estase traballando na ampliación do Hospital do Salnés, e proximamente, tras anos de espera e moitas dificultades, contarase cun novo centro de saúde en Marín, indicou.

Na súa intervención, agradeceu o compromiso e o traballo dos profesionais sanitarios, e destacou as grandes diferencias entre o sistema sanitario público actual e o de hai 25 anos. Así, incrementouse a rede hospitalaria pública ata 14 complexos hospitalarios; abordouse unha profunda reforma da Atención Primaria aumentándose de forma espectacular o número de centros de saúde e consultorios; puxéronse en marcha o 061 e os PAC; e creouse o Centro de Transfusións de Galicia. Ademais, o cadro de persoal supera a día de hoxe os 36.000 traballadores, cando en 1990 era de 19.000.

“A partir do momento da posta en funcionamento do Sergas, o progreso foi continuo ata lograr unha organización sanitaria á altura das mellores do mundo en cantidade, pero sobre todo en calidade, da que todos os galegos nos sentimos realmente orgullosos concluíu-. Temos unha sanidade que investiga, que se preocupa pola formación e a docencia, que prevén enfermidades, promove a saúde e ofrece unha atención primaria de calidade. Unha sanidade que traballa en solucións eficientes para garantir os seus servizos a todas as persoas, con independencia dos seus recursos económicos”.

20 de abril de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.