O CCVV prantexa ao concello que lle ceda o aparcadoiro de Porta do Sol para destinalo a residentes
O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, compareceu hoxe en rolda de prensa tras manter unha reunión do Comité Executivo do organismo.
Coma informou, adxudicouse unha nova obra de rehabilitación en Subida ao Castelo, 12 que dará lugar a 4 vivendas máis. O importe dos traballos está ao redor dos 400.000 euros. López-Chaves lembrou que nestes momentos está en execución a recuperación de Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47, onde se construirán 6 vivendas e 2 locais comerciais. “Ata o de agora foron 43 edificios rehabilitados e con estes chegaremos case aos 50”, resumiu. “Continuamos co proxecto de recuperación do Casco Vello”, incidiu.
Pero dentro dese proceso de recuperación integral, o delegado e presidente do CCVV sinalou que un inconveniente que trasladan os novos residentes na entrega das vivendas é o do aparcamento. “É un dos problemas máis graves que teñen os veciños e comerciantes”, comentou. Así, lembrou que o pasado mes de febreiro os membros do Consello de Administración do Consorcio presentes na reunión de dito mes, acordaron dirixirse ao Concello para que “buscase fórmulas” que garantisen aos veciños a posibilidade de ter unha praza de aparcamento en condicións adecuadas na zona, mencionando a “magnífica” situación tras a reversión do aparcadoiro de Porta do Sol ao Concello. “O Consorcio pediu ao alcalde que destinase prazas para residentes en número suficiente e a prezos alcanzables”, dixo, matizando que o aparcadoiro leva pechado 7 meses sendo de titularidade exclusiva municipal. “Podería xestionalo directamente”, valorou.
Sen embargo, ao non obter resposta tras pasar dous meses, o delegado expuxo coma presidente do organismo outra opción para dar resposta á “gran demanda” de veciños e comerciantes. Pasaría pola cesión do aparcadoiro ao CCVV “en condicións de explotación” e toda vez que o Concello fixese as obras necesarias. “Podería ser unha posibilidade que ceda ese aparcamento de titularidade municipal ao CCVV para destinalo a residentes”, explicou. Incluso considerou que poderían ofrecerse “prezos de entre 60-70 euros” a praza de aparcamento para residentes do entorno do Casco Vello.
López-Chaves optou así por esta iniciativa tendo en conta a “non resposta” do Concello á proposta do 4 de febreiro acordada polos membros do Consello de Administración. “Desexaría que dese resposta a esa carta e ao residentes pero quizais a solución é que o ceda ao Consorcio en condicións de explotación, non como está agora que non ten ningunha accesibilidade, e nós dariamos unha xestión a este aparcadoiro. No CCVV estariamos a pensar esa posibilidade”, finalizou.











