Noriega cuestiona que a oposición siga un guión precociñado ante a ordenanza sobre a vía pública
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, afirmou descoñecer “se a oposición ten vontade de participar na nova redacción da ordenanza -de actividades, instalacións e ocupación de vía pública- ou se segue instalada nun guión precociñado que ten que ver con 13 ou 15 notificacións de 1.600 vaos”. “Para nós, o que é o uso do espazo público é moito máis importante que iso”, destacou.
Díxoo despois de recibir, xunto ao concelleiro de Medio, Xan Duro, a unha delegación do Ministerio de Auga e Medio da República Árabe Saharauí.
Precisamente Xan Duro presentou este martes a proposta do goberno municipal para a modificación da ordenanza de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública. Con ela, Compostela Aberta propón a substitución das fianzas por organizar un acto en espazos públicos por unha declaración responsable e aposta por eliminar o artigo que obriga ás comunidades de propietarios a manter en bo estado o acceso aos seus garaxes.
Ademais, a taxa dos vaos, conforme á formulación do goberno local, terá en conta as prazas coas que contan os aparcamentos, e non unicamente a súa superficie.
“GUIÓN ESTABLECIDO”
Preguntado ao respecto este mércores, Noriega defendeu seguir “o guión establecido”, en primeiro lugar “co cumprimento dunha ordenanza” que o goberno entendeu “que non dá lugar a interpretación”. “Outra cousa é que algúns decidisen incumprila”, segundo apuntou.
En segundo termo, segundo proseguiu o rexedor, Compostela Aberta actúa conforme ao “acordo unánime da corporación para abrir a modificación da ordenanza que segue en vigor dende 2013”.
“Creo que cumprimos co acordo presentando unha proposta ao resto dos grupos e esperando agora polas súas achegas de cara non solo a intentar regular ou solucionar cuestións que aparecían na ordenanza -en alusión aos vaos-, senón con outro tipo de cuestións que tamén levantaban queixas na cidade”, dixo.
Neste sentido, referiuse ao asunto das fianzas e á regulación do propio uso do espazo público “mesmo en cuestións que poden parecer anecdóticas pero teñen o seu valor como xogos infantís ou actividades a desenvolver” na rúa. Así, reivindicou facer “unha proposta integral”.











