Méndez Romeu eloxia o “grande servizo” de Caballero ao PSdeG
O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, eloxiou este venres o “grande servizo” que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, está a prestar ao partido cos seus intentos de “construír unha nova maioría e superar as dificultades” en torno a “un proxecto común”, ao tempo que deixou claro que a súa formación non se resigna “en modo ningún” a ocupar o terceiro lugar nas preferencias políticas dos galegos.
A diversas preguntas dos xornalistas sobre a situación e o calendario do PSdeG, dixo que haberá “primarias, candidatos e programa” e que todo acontecerá “con normalidade”. E, tras aludir a un “acordo tácito” no seo do seu partido para frear a fervenza de autodescartes en tanto non se convoquen esas eleccións internas encamiñadas a elixir o cabeza de cartel á Xunta, admitiu non ter “criterio” sobre cando se deben celebrar.
Si puxo o foco, neste sentido, en que se, como traslada o PPdeG, os comicios autonómicos non serán ata o outono, “non é necesaria esta precipitación”. Dito isto, deu por feito que a xestora que conduce o partido tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro fixará as primarias “no momento oportuno” en “consenso e diálogo” con Ferraz, e sen perder de vista que probablemente haberá que repetir as eleccións xerais.
En canto ás perspectivas do seu partido de cara á cita coas urnas en Galicia, o deputado coruñés opinou que as tendencias electorais non cambian “de forma súbita” para recalcar que, ata o momento, o PSdeG é “a alternativa” ao PP que lidera Alberto Núñez Feijóo. Así é que a “vontade” do seu partido é “ser a cabeza dun goberno alternativo”. “É a nosa formulación; despois, falarán os cidadáns”, resolveu.
CRÍTICAS ÁS MAREAS
A liña seguida, acerca das críticas verquidas por Caballero á xestión das mareas nas tres cidades galegas que gobernan, malia que o fan co apoio do PSdeG, Méndez xustificou a posición dos socialistas na súa vontade de conformar “gobernos de esquerdas”.
“Nove meses despois, é evidente que non funcionan como deberían e que hai problemas en cousas mesmo básicas, como aprobar os presupostos, e hai unha situación que non é a desexable”, reflexionou, para sinalar que iso “debería corrixirse”.
Sobre todo, segundo dixo o voceiro do PSOE no Parlamento de Galicia, porque a súa actuación “non responde ás expectativas dos cidadáns” nin tampouco ao “voto de confianza” outorgado polos socialistas.
Ao fío diso, contrastou ese apoio do seu partido as mareas coa decisión de Podemos de “ter o mesmo voto que o PP” na sesión de investidura de Pedro Sánchez, o que “provoca” que se haxan de repetir os comicios. “Eles saberán os motivos”, finalizou.











