publicidade hoxe

Medio Rural reforza o traballo das agrupacións de defensa sanitaria gandeira de porcino con 270.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaToques
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á explotación porcina en Toques

Ángeles Vázquez na visita á explotación porcina en Toques

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá, durante dunha visita a unha explotación de porcino no municipio coruñés de Toques, que o seu departamento reforza o traballo das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) con axudas que, na convocatoria 2016/2017, ascenden a 2,1 millóns de euros. Delas, 270.000 euros irán destinados ás agrupacións de porcino, sendo 9 as entidades beneficiadas que agrupan a 994 explotacións.

Neste senso, Ángeles Vázquez sinalou que das 71 agrupacións beneficiarias, 53 corresponden a gando bovino, 9 de porcino, 3 de coellos, 3 de aves, 2 de visóns e 1 de ovino e cabrún. Precisamente hoxe, engadiu a conselleira, foron remitidas a cada ADSG as resolucións favorables destas axudas, coas que se subvenciona a contratación de servizos veterinarios e das que se van beneficiar un total de 10.540 titulares de explotacións integradas nestas entidades.

A explotación visitada hoxe pola titular do departamento de Medio Rural, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, forma parte da Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira Coruña Sur, que recibirá unha achega de 21.000 euros. Grazas a ela, os seus titulares pódense beneficiar de prestacións tales como a execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das condicións hixiénicas e produtivas.

Ángeles Vázquez destacou o traballo destas entidades que velan polo estatus sanitario das nosas explotacións, o cal redunda nun incremento da rendibilidade das nosas granxas ao diminuír as perdas ocasionadas por motivos sanitarios. Ademais, salientou que grazas a estas axudas subvenciónase a contratación dos servizos de 161 veterinarios, 76 delas en exclusividade.

Este persoal será o encargado de executar os programas sanitarios voluntarios e participar na rede de vixilancia epidemiolóxica de Galicia, colaborando na formación sanitaria dos gandeiros, nas actuacións complementarias dos programas oficiais de erradicación, no control e fomento das prácticas en materia de benestar animal e no establecemento de programas de desinfección, desratización ou desinsectación nas explotacións.

A conselleira lembrou que, unha vez recibida a resolución, as entidades beneficiarias poden solicitar antes do 1 de outubro de 2016 un anticipo do 43% do total da subvención autorizada, sempre que non teñan abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores.

SAAMIL SC

A explotación que hoxe visitou a conselleira está situada no municipio coruñés de Toques e está integrada por dous socios. Conta cunha nave de gando vacún con 35 vacas de leite, as cales dan unha produción anual de 350.000 kg. Ademais da granxa de porcos de cebo con 934 cabezas.

A conselleira salientou a diversificación de actividade desta explotación, pois soubo combinar leite e porcino nunha situación económica difícil en xeral, apostas, engadiu, que fan que o medio rural siga vivo e teña futuro.

Ademais, cómpre salientar que o relevo xeracional neste caso é evidente, pois a sociedade está composta por pai e fillo, este último incorporado grazas á axuda que ofrece a Consellería do Medio Rural de incorporación de mozos á actividade agraria por un montante superior aos 100.000 euros para a construción da nave de porcino. Tamén no 2012 foron beneficiarios da axuda de plans de mellora, que supuxo unha subvención de preto de 90.000 euros para a mellora das infraestruturas da nave de gando bovino.

27 de abril de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.