publicidade hoxe

Medio Rural destina para este ano 500.000 euros a concentracións parcelarias de Cartelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCartelle
A-
A+

A Consellería do Medio Rural destina para este 2016 un orzamento de máis de 500.000 euros para seguir avanzando nas parcelarias da zona de Mundil e na de San Tomé, ambas no concello ourensán de Cartelle. Así o destacou hoxe a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ás obras que se están levando a cabo na parcelaria de Mundil, onde estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e a alcaldesa Mª del Carmen Leyte Coello.

A conselleira sinalou que a reestruturación parcelaria é fundamental para o despegue socio-económico do rural galego en xeral e do agro en particular, posto que permite a redimensión das explotacións agrogandeiras, facéndoas máis rendibles, sustentables e competitivas no mercado. Por iso, engadiu, é preciso seguir avanzando nestes procesos, os cales tamén permiten mellorar as vías de comunicación, o que redunda nunha mellora da calidade de vida no rural.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia 2016, o cal ten un orzamento de 22 millóns de euros para este ano e co que se pretende rematar as 137 zonas activas en Galicia. Neste senso, Ángeles Vázquez sinalou que as obras que se están levando a cabo na zona de Mundil consisten na colocación dos marcos das novas fincas, posto que xa está en fase de acordo firme. Así mesmo, subliñou que está prevista para o verán a toma de posesión das novas parcelas para que os veciños da zona xa podan facer uso das mesmas.

ZCP de Mundil e San Tomé

A concentración parcelaria de Mundil afecta a unha superficie de 885 hectáreas, pasando das 15.471 parcelas a 2.520 fincas, propiedade de 813 veciños. Actualmente atópase en fase de acordo firme e leva un investimento executado de 3,8 millóns de euros. Para este ano, está previsto executar unha obra de mellora de camiños por importe de 166.000 euros.

No caso da parcelaria de San Tomé, esta afecta a unha superficie de 1.719 hectáreas, propiedade de 1.090 veciños. Para este ano, a Consellería destina 360.000 euros para a execución da rede de camiños principais, sendo o investimento executado ata o de agora nesta zona de preto de 500.000 euros.

Concello de Cartelle

Este municipio ourensán ten xa 4.786 hectáreas concentradas nos cinco procesos abertos, que afectan ás zonas de Mundil, San Tomé, Cartelle, Vilar de Vacas e Santa Baia de Anfeoz. O investimento realizado neste concello é de preto de 10 millóns de euros, o que supuxo unha mellora das condicións estruturais destas zonas para os máis de 4.300 veciños.

20 de abril de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.