Medio Ambiente investirá 800.000 euros en actuacións do Plan Hurbe e melloras de saneamento en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará preto de 800.000 euros a novas actuacións no marco do Plan Hurbe e a melloras de saneamento das augas. Este foi un dos compromisos que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, lle trasladou ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá a cidade das Burgas.

Mato Otero detallou que Medio Ambiente levará a cabo un proxecto de acondicionamento e mellora da Praza e Alameda de Covadonga, cun investimento aproximado de 175.000 euros enmarcado dentro das actuacións do Plan Hurbe, co fin de potenciar o uso das zonas públicas desta área, mellorando as infraestruturas e o pavimentos existentes e incrementando os elementos biosaludables e os xogos infantís. “Non só se trata de mellorar o aspecto do contorno, senón tamén facelo máis agradable para a vida social e pública”, matizou a conselleira.

Recordou que o Plan Hurbe constitúe unha aposta decidida pola humanización das nosas viñas, mellorando os contornos urbanos, contribuíndo ao benestar dos veciños e incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade.

Desde 2010, ano no que se puxo en marcha, o Goberno galego ten financiado e executado 105 actuacións en 67 concellos, cun orzamento de 112 millóns de euros, explicou a conselleira, ao que engadiu que preto do 50% das actuacións corresponden á provincia de Ourense.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o departamento destinará máis de seis millóns de euros, dos que preto de catro serán para novas actuacións, que permitirán realizar investimentos en arredor de 20 concellos. O orzamento investirase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Melloras de saneamento en Ourense

Tal e como se comprometera a conselleira de Medio Ambiente nunha reunión co alcalde hai dous meses, Augas de Galicia destinará 600.000 euros para a execución de novas actuacións de mellora da rede de saneamento en catro puntos do Concello: o paseo do Tinteiro, na rúa Porteira, en Palmés (no tramo Burgo-A Burata) e en Os Viros; actuacións que incluirán a eliminación dun vertido na rúa da Porteira e dunha fosa séptica en Os Viros.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente tamén recordou que a Xunta colaborou no financiamento da nova depuradora de Ourense, cuxo orzamento se elevou aos 49 millóns de euros, dos que Augas de Galicia aportou máis de 10 millóns de euros, unha infraestrutura que iniciará o período de probas ao longo deste mes e que incrementará a capacidade de tratamento da actual depuradora de Reza, pasando dos 120.000 habitantes a 300.000.

12 de abril de 2016 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.