publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 113.000 euros no acondicionamento do camiño de Suavila en Triacastela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTriacastela
A-
A+
Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Triacastela. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Triacastela. Foto: X. Crespo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 113.000 euros no acondicionamento e pavimentación do camiño de Suavila, no concello de Triacastela. Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e a alcaldesa da localidade, Olga Iglesias.

O camiño de Suavila, de propiedade municipal, transcorre paralelo ao Camiño de Santiago e une varios puntos de interese municipal, como a casa do Concello, a igrexa e o albergue de peregrinos. Por este motivo, trátase dun viario moi utilizado.

Coa actuación asinada hoxe, preténdese realizar un paseo semiurbano, acabado en formigón rugoso coa mesma cor e tipoloxía doutros paseos da zona. Contará cun pequeno muro de contención, a base de cachotes de pedras, que salvagardará o desnivel que existe entre o paseo e un pequeno regato que transcorre ao marxe dereito.

O ancho medio será de 4 metros, que irán pavimentados, máis un metro no que se realizará unha pequena franxa axardinada. Ademais, disporá de iluminación mediante balizas verticais e de bancos de pedra e papeleiras nos puntos de intersección con outras rúas.

Os traballos, que se levarán a cabo este ano, terán un prazo de execución de catro meses.

Plan hurbe

O convenio asinado hoxe inscríbese no Plan hurbe, que o Goberno galego puxo en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial. Para cumprir estas metas, o Plan inclúe tres programas de actuación: humanización de rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos público, especialmente referidos a aqueles de carácter cultural e social.

Desde a súa posta en marcha en 2010, o hurbe ten posibilitado a realización de 105 actuacións en 67 concellos, grazas a un investimento total de 112 millóns de euros. Este ano está previsto investir máis de 6 millóns de euros no marco deste Plan en toda Galicia, dos que 3,5 millóns estarán destinados a máis de 20 novas actuacións.

25 de abril de 2016 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.