Manuel Baltar valora a decisión de Feijóo e cre que non hai outro candidato á Xunta cun historial de servizos como el
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou como unha “boa noticia” a decisión tomada por Alberto Núñez Feijóo, para optar, por terceira vez, á súa elección como candidato para presidir a Xunta e manifestou que “non hai ningún outro candidato que poida presentar un historial de servizos como el”.
Así mesmo, Baltar tamén destacou que a celebración do Congreso do PP galego os días 7 e 8 de maio en Ourense, o cal servirá como punto de partida para unha nova etapa do PP á fronte do Goberno galego, no que volverá saír elixido Feijóo como presidente do PP en Galicia.
Desta circunstancia, Baltar destacou que servirá para pór a Ourense, “por primeira vez”, como escenario do “congreso da forza política máis importante de Galicia.
“Os días 7 e 8 de maio, Galicia está convocada en Ourense. Haberá unha mensaxe de aposta polo futuro de Galicia”, salientou Baltar, para o que esta aposta “comeza polos nomes” que “sexan capaces de materializar propostas” para seguir gobernando a Comunidade.
ESPERA UNHA NOVA MAIORÍA ABSOLUTA
O presidente do PP ourensán mostrouse confiado nunha nova maioría absoluta para o PP en Galicia. Fíxoo sen entrar a valorar a situación que están a vivir outras formacións políticas, aínda que asegurou a situación doutros partidos “pode mesmo empeorar”, até a cita coas urnas.
“Nós guiámonos pola capacidade de manter unha conexión con Galicia, como non ten ningunha outra forza política”, sinalou Manuel Baltar.
Neste sentido, o líder do PP ourensán botou man das dúas maiorías absolutas do PP, en 2009 e 2012, que cualificou como “o camiño de preparación perfecto para unha nova maioría absoluta en Galicia en 2016”. Con todo, recoñeceu que “serán os galegos os que decidirán” a composición do novo Parlamento autonómico.











