López-Chaves require ao concello de Vigo un certificado para continuar co proxecto da Cidade da Xustiza no Hospital Xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, requiriu hoxe ao Concello de Vigo un certificado municipal para poder continuar co proxecto de traslado dos xulgados vigueses ao antigo edificio do hospital Xeral.

Coma explicou, a Xunta está a avanzar na tramitación do novo proxecto da Cidade da Xustiza de Vigo xunto á Tesourería Xeral da Seguridade Social para destinar o antigo inmoble sanitario a usos xudiciais. Para isto é necesaria a colaboración do goberno local vigués emitindo unha certificación urbanística solicitada pola Seguridade Social. A Administración autonómica solicitou por escrito dito documento o pasado 22 de marzo á Xerencia de Urbanismo olívica e, a día de hoxe, non obtivo resposta.

“Hai dúas semanas que se requiriu ese certificado indicando que ten como obxectivo a cesión do inmoble para sede xudicial e indicado que é urxente”, especificou López-Chaves, quen lembrou a “actitude proactiva” que o alcalde Abel Caballero dicía que ía a ter con este proxecto. “Debe acreditar esa actitude proactiva e por iso lle requirimos de novo ese documento porque queremos tramitalo de inmediato”, sinalou o delegado.

López-Chaves matizou que se trata dun certificado de que non se incoou expediente de infracción de legalidade urbanística sobre o inmoble, “urxente e necesario” para poder continuar co expediente. “A Seguridade Social estánolo pedindo e estamos a esperar dende o 22 de marzo por esa certificación. Sen ela non podemos continuar”, dixo. É por isto polo que volveu a solicitar ao Concello que o tramite esperando que “hoxe ou mañá” poida remitirse á Xunta de Galicia.

4 de abril de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.