López-Chaves reitera que os accesos á intermodal de Vigo son competencia municipal
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, reiterou que o proxecto dos accesos á estación intermodal da cidade olívica é competencia do Concello e subliñou que a actuación por parte do Goberno vigués neste tema “pon de manifesto o desinterese en que Vigo teña a primeira estación intermodal” de Galicia.
Así se pronunciou despois de que o pleno da Corporación de Vigo aprobe este mesmo luns, cos votos a favor de PSOE e Marea, e a abstención do PP, unha moción para instar á Xunta a que “asuma as súas competencias” e financie “na súa integridade” o proxecto da futura estación intermodal, incluído os accesos.
López-Chaves remarcou que a Administración autonómica ten previsto afrontar “tódolos gastos” da construción en Vigo da “primeira intermodal de Galicia”, pero insistiu en que para iso é necesario que os autobuses poidan acceder á estación. “Non chegan polo aire, chegan a través das rúas de Vigo”, comentou.
Neste marco, subliñou que se o Concello “non o fai é porque non quere que se faga a inversión en Vigo; quere favorecer a outras cidades, cando no Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2008 –agora anulado polo Tribunal Supremo– aprobou que fose o Concello que fixese esas obras dos accesos, como non pode ser doutro xeito”, rematou.











