Goretti Sanmartín valora a creación da Coordinadora de Festivais de Cinema de Galiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, reuniuse con membros da xestora da futura Coordinadora de Festivais de Cinema de Galiza e aplaudiu a súa creación como unha “excelente” noticia para o sector. Na xuntanza adiantou os contidos da nova liña de axudas a festivais da Deputación.

Ademais de Goretti Sanmartín, o responsábel da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira e o asesor cultural, Xavier Campos participaron na xuntanza con Pela del Álamo –Curtocircuito-, Sabela Íñiguez –Chanfaina Lab- e Ana Domínguez –S8-, os tres membros da xestora para a creación da Coordinadora de Festivais de Cinema de Galiza.

Entre os temas da xuntanza destacou a posta en común dos termos da nova liña de apoio a festivais que a Deputación da Coruña convocará en breve. Goretti Sanmartín explicoulle aos representantes dos festivais audiovisuais os criterios sobre os que se está a elaborar a nova liña de axudas no ámbito cultural que ten como obxectivo “promover unha maior solidez económica e organizativa aos festivais e premiar aqueles que desenvolven un traballo de calidade nos contidos e rigoroso nos procedementos de xestión”.

Coma unha “extraordinaria nova para o sector” cualificou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña a creación da nova coordinadora de Festivais de Cinema xa que, segundo defendeu, unha das liñas do traballo do departamento é “favorecer a vertebración dos sectores culturais e apoiar as entidades representativas dos distintos ámbitos, básicas para a definición das políticas públicas a través do diálogo directo entre a administración e os diferentes axentes ademais de permitir desenvolver estratexias de cooperación e apoio entre os diferentes festivais audiovisuais do país”.

A deputada nacionalista comprometeu, desta maneira, o apoio á futura entidade e transmitiu a decisión de “eliminar a discrecionalidade e garantir mecanismos transparentes como esta nova liña de apoio a festivais, que se rexerá por criterios obxectivos”.

Tanto Goretti Sanmartín como o responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira valoraron a importancia dos festivais como eventos que unen a dimensión creativa-cultural coa económica, en especial, no ámbito turístico e comprometeron o seu apoio a “todas aquelas iniciativas con implantación social que favorezan o desenvolvemento non só cultural senón tamén económico do territorio”.

11 de abril de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.