publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Goretti Sanmartín destaca a condición do Concello de Carballo como referente cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballo
A-
A+

A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura e Normalización, Goretti Sanmartín, destacou a condición de Carballo como referente cultural na súa visita ao concello. O alcalde, Evencio Ferrero, aplaudiu a xestión da Deputación na área e fixo fincapé nas posibilidades de desenvolvemento económico do sector cultural.

“A acción cultural é xa un sinal de identidade en Carballo con programas xa consolidados e de referencia tamén fora das nosas fronteiras como o Rexenera Fest, o Carballo Interplay e o FIOT”, destacou a vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, na reunión que mantivo no concello co alcalde Evencio Ferrero e as primeiras e segunda tenente de alcalde, Belén Lendoiro e Milagros Lantes.

Goretti Sanmartín interesouse na súa visita institucional polas demandas do concello e presentou as novas liñas de acción política da Deputación da Coruña, que pasan por primar plans e programas xestionados con criterios obxectivos de reparto do diñeiro público. “Desde a Deputación apoiaranse programas xa consolidados como os que están a converter Carballo nun referente da cultura máis audaz e novidosa, a través de liñas de axudas que se reparten con criterios obxectivos”, sinalou Goretti Sanmartín, ao tempo que gabou o esforzo de Carballo no fomento da lingua e a cultura como piares do goberno municipal. “Un paradigma e modelo de acción cultural que demostra que a imaxinación e a audacia son fundamentais para crear programas novidosos como os que compoñen a axenda de Carballo”, sinalou.

O alcalde, Evencio Ferrero, agradeceu, pola súa parte que a Deputación se rexa por “criterios obxectivos e obxectivábeis á hora do reparto dos fondos públicos que nos corresponden a todos”. Defendeu o alcalde nacionalista a “cultura, deporte ou as intervencións en espazos urbanos como economía no seu conxunto. O Fiot ou o sector de balonmán que tivo lugar esta fin de semana demostran que cultura e deporte son unha boa aposta para o desenvolvemento económico”.

“Queremos que a xente se decate de que nun concello como Carballo se poden asistir a espectáculos ou actividades artísticas de gran calidade. Carballo, por exemplo, é dos poucos concellos galegos que teñen unha programación estábel de danza”, engadiu o alcalde para quen o seu concello exerce xa un claro “liderado” no ámbito cultural. “A política municipal é máis que obras e ten a ver co territorio como algo integrador para o que son fundamentais a cultura, o deporte ou o servizos sociais”, sinalou Evencio Ferrero.

5 de abril de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.