Feijóo destaca que a Estratexia da biomasa impulsa a consolidación do sector enerxético galego

Presentación da nova planta de enerxía renovable do Grupo Coren. Foto: X. Crespo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020 está a impulsar a consolidación do sector enerxético galego e a valorizar os residuos forestais e gandeiros. “Estamos a falar dunha estratexia que ten como obxectivo principal xerar valor e emprego en todo o ciclo produtivo da biomasa en Galicia, desde os gandeiros e produtores agrícolas ata os propietarios de montes, pasando pola cadea de distribución e transformación e os instaladores de caldeiras de biomasa”, afirmou.
Así mesmo, incidiu en que o obxectivo desta Estratexia é que, a finais da década, Galicia estea aforrando cada ano 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, crear 1.000 novos postos de traballo no ámbito da biomasa e mobilizar un investimento que roldará os 500 millóns de euros, valorizar 270.000 toneladas de biomasa anuais e evitar que se emitan á atmosfera 246.000 toneladas de CO2 ao ano.
Durante a presentación da nova planta de enerxía renovable do Grupo Coren, Feijóo lembrou tamén que a Xunta está a apoiar a implantación de caldeiras de biomasa en domicilios, empresas e edificios administrativos, cunhas liñas de axudas que suman xa 30 millóns de euros. “Grazas ao apoio da Xunta, entre 2016 e 2020 instalaranse en Galicia 3.000 caldeiras de biomasa; e, estamos certificando coa marca Galicia Calidade a materia prima que provén dos bosques galegos”.
Para acadar todos estes obxectivos, o responsable do Goberno galego expresou a necesidade de traballar conxuntamente con todos os axentes económicos e sociais. E, nesta liña, referiuse á nova planta de enerxía renovable do Grupo Coren como un exemplo de que a innovación e a colaboración público-privada poden conxugar o crecemento económico coa conservación do medio ambiente. “Grazas ao compromiso de Coren, de Energylab e do Inega, poñemos á disposición a primeira planta térmica de Galicia que emprega como combustible residuos avícolas”, dixo, ao que engadiu que esta planta cobre o 60% das necesidades térmicas do gran complexo de transformación que Coren ten en Santa Cruz de Arrabaldo; “é dicir, a mesma enerxía que consumirían ao ano 5.500 vivendas”.
Feijóo salientou que “con esta planta se producirá unha enerxía que permitirá aforrar diñeiro sobre a enerxía tradicional” e evitarase a emisión á atmosfera de máis de 5.400 toneladas de CO2 ao ano. “En definitiva, con esta planta térmica demóstrase que os residuos agrícolas, forestais e gandeiros teñen valor como combustible, que o autoabastecemento enerxético con combustibles autóctonos é posible e que en Galicia hai espazo para empresas que propoñan solucións biolóxicas e tecnolóxicas para os residuos”, engadiu.
O titular da Xunta concluíu a súa intervención expresando o convencemento de que esta iniciativa pioneira se poida aplicar noutras empresas. “O obxectivo é que Galicia cubra o 4% das necesidades térmicas da súa industria combinando os residuos autóctonos agrícolas e gandeiros coa biomasa forestal e mellorar tamén a bioseguridade na xestión dos residuos que orixina a gandería”, aseverou, facendo fincapé en que o desenvolvemento sustentable é aquel que é quen de satisfacer as necesidades do presente sen comprometer os recursos e as posibilidades futuras do país, “e iso é o que queremos para Galicia”.











