publicidade hoxe

Feijóo destaca en Oia o traballo da Xunta por reforzar a Atención Primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOia
A-
A+
O presidente da Xunta na visita ao centro de saúde de Oia. Foto: C. Paz

O presidente da Xunta na visita ao centro de saúde de Oia. Foto: C. Paz

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá o traballo que está a realizar a Xunta por reforzar a Atención Primaria coa posta en marcha ata finais de ano de 12 novos centros de saúde en Galicia. Durante unha visita ao novo Centro de Saúde de Oia, Feijóo aseverou que o termo ‘atención primaria’ non pode nin debe significar atención reducida, elemental nin de calidade inferior; senón atención primeira, primordial. “A Xunta cre na Atención Primaria, no seu papel vertebrado e no seu liderado clínico”, dixo.

Sobre este punto, salientou que xunto cos seus traballadores o Goberno galego está a constituír grupos de traballo coa participación dos catro colexios médicos e as tres sociedades científicas de Atención Primaria para mellorar este primeiro nivel asistencial. “E estamos creando novas categorías profesionais como a de enfermeira especialista, á que poderán acollerse as enfermeiras coa especialidade de atención familiar e comunitaria”, engadiu.

Así mesmo, o titular da Xunta destacou a importancia da incorporación ao sistema das novas tecnoloxías que teñen permitido conectar a Atención Primaria coa hospitalaria a través de sistemas como a Historia Clínica Electrónica, a e-interconsulta e a prescrición electrónica.

Logo de precisar que o principal efecto desta medida ten o seu reflexo na atención ás patoloxías oncolóxicas, coa posta en marcha dun sistema de vías rápidas desde a Atención Primaria para aqueles casos nos que puidese haber sospeita de padecer un cancro; Feijóo afirmou que empregar as TIC na saúde significa tamén apostar pola telemedicina e por evitar ao paciente desprazamentos innecesarios. “E iso é o que estamos a conseguir tamén coa consulta telefónica en Atención Primaria”, dixo, precisando que só en 2015 realizáronse nos centros de saúde do Sergas case 2 millóns de consultas telefónicas e o 99% delas foron resoltas sen necesidade de acudir ao centro.

Reforzar a Atención Primaria significa tamén potenciar a súa capacidade diagnóstica, e para iso Feijóo destacou a aposta por que os médicos de familia teñan un maior acceso á realización de probas complementarias. “E a primeira consecuencia de todo isto é que se reduce notablemente o número de consultas nos servizos de urxencias hospitalarias porque, en moitos casos, son xa resoltas desde os propios PAC”, explicou.

Cunha Atención Primaria máis resolutiva, Feijóo destacou ademais que os centros de saúde están a realizar máis intervencións de cirurxía menor; se están a habilitar en moitas áreas sanitarias a posibilidade de hospitalización directa desde a Atención Primaria nas unidades de hospitalización a domicilio, sen a necesidade de que os pacientes pasen pola atención hospitalaria; e se está a conseguir que a derivación hospitalaria desde os centros de saúde diminúa.

Máis centros de saúde e remodelación de hospitais

O presidente da Xunta incidiu en que acadar unha Atención Primaria máis efectiva significa, sobre todo, ampliar a rede de centros de saúde. E nesta liña, lembrou que desde 2009 a Xunta leva actuado en 36 centros de saúde: 25 novos centros xa construídos e 11 reformados.

Máis polo miúdo, precisou que este novo centro de saúde de Oia é o primeiro dos tres que se van poñer en marcha na área sanitaria de Vigo, posto que se abrirán tamén os centros de Panxón e de Tui. Son dous dos 12 que de aquí ao último trimestre do ano comezarán a prestar servizo en diversos concellos de toda Galicia.

“Estamos mellorando e reformando os hospitais, como é o caso do bloque cirúrxico do Hospital da Coruña, a ampliación do Hospital do Salnés, a ampliación do Hospital da Mariña, facendo un novo edificio de hospitalización na cidade de Ourense e empezando o plan director do Hospital de Ferrol”, abondou, para lembrar que o obxectivo é que este ano o 70% dos galegos teñan na súa área sanitaria un hospital ou centro de saúde novo ou renovado; “e o estamos a cumprir”, apostilou.

Por último, e no tocante ao novo centro de saúde de Oia, subliñou que conta con novas e mellores instalacións: 2 consultas de medicina xeral, 2 consultas de enfermaría, 1 consulta pediátrica, 1 sala de atención á muller, 1 sala polivalente e unha área de administración e servizos comúns. Incorpora tamén un novo equipamento tecnolóxico –un electrocardiógrafo, un espirómetro, un monitor de presión arterial, un doppler vascular, desfibrilaciones, e oxímetros de pulso; e, ao dispoñer de instrumentos de diagnose e tratamento coa última tecnoloxía, o persoal médico poderá realizar moitos máis programas de prevención e promoción de saúde, como o Programa do neno san, o Programa de atención ao paciente crónico ou o Control de Tratamento con anticoagulantes orais.

8 de abril de 2016 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.