Expourense consolídase como plataforma para a competitividade e internacionalización empresarial
A Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, presentou hoxe o resumo de actividades organizadas durante o pasado ano. En total, no recinto feiral celebráronse 10 feiras e 26 eventos que atraeron a máis de 116.000 visitantes, a 906 expositores e 350 relatores achegados dun total de 47 países.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de prensa e subliñou que Expourense consolídase como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a gastronomía ou a viticultura.
Díaz Mouteira felicitou ao equipo de Expourense polos resultados obtidos durante 2015 e animouno a seguir traballando para que “este recinto e os eventos que nel se organizan, sigan sendo motivo de orgullo para os galegos”.
A delegada territorial concluíu expresando a súa confianza de que estas cifras van medrar considerablemente coa futura construción no recinto feiral da primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia, acordada onte no Padroado. “Este compromiso institucional permitirá un mellor aproveitamento das instalacións e diversificar a actividade deste recinto feiral e aumentará o número de días de uso da instalación”, sinalou Díaz Mouteira.











