publicidade hoxe

Ethel Vázquez reúnese cos empresarios da Estrada para analizar a folla de ruta para o desenvolvemento industrial do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao Concello da Estrada

Ethel Vázquez na visita ao Concello da Estrada

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde da Estrada, José López, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos empresarios deste municipio aos que lle trasladou os avances do Goberno galego nos trámites que permitirán que o Consello da Xunta aprobe definitivamente o proxecto sectorial da Cidade do Moble nos vindeiros meses.

Nesta reunión a conselleira informou aos empresarios sobre os trámites que a Xunta está a levar a cabo para solucionar as cuestións pendentes no proxecto sectorial da Cidade do Moble e tamén analizaron conxuntamente a folla de ruta trazada para o desenvolvemento futuro do parque empresarial.

Vázquez manifestou o compromiso da Xunta para dotar a Cidade do Moble de todas as garantías xurídicas e fórmulas para favorecer o asentamento de novas empresas e a creación de riqueza e emprego neste concello.

A titular de Infraestruturas tamén salientou que unha vez rematados os trámites de retroacción vaise continuar cos traballos para a modificación puntual do proxecto do parque empresarial, co obxecto de dividir a actuación en polígonos. Engadiu que isto permitirá que a Cidade do Moble se poida desenvolver por fases e conforme á demanda real e contrastada, tal e como está facendo a Xunta nos últimos anos en todos os desenvolvementos de solo empresarial.

Cómpre lembrar que hai unha sentenza do TSXG que obriga a retrotraer o expediente do proxecto sectorial, por carecer este do preceptivo informe de redes públicas de comunicacións electrónicas. Así, co fin de axustar o proxecto sectorial á dita sentenza e poder continuar coa súa tramitación, o pasado 2 de marzo a Xunta iniciou a retroacción parcial do expediente de aprobación definitiva do proxecto sectorial da Cidade do Moble, levándoo xusto ao momento previo á emisión deste informe preceptivo.

5 de abril de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.