publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca un investimento de 2,7 millóns de euros para a construción de 6 novas sendas na comarca de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe un investimento de 2,7 millóns de euros para a construción de 6 novas sendas seguras e sustentables na comarca de Ferrol, que suman un total de 9 quilómetros de actuacións. Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, presentou hoxe os itinerarios proxectados no Plan de Sendas de Galicia para a bisbarra ferrolá.

A titular de Infraestruturas salientou que no verán xa estarán redactados a maior parte dos proxectos destas sendas da comarca de Ferrol, para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo. Concretou que se trata dun Plan de Sendas global, planificado con diálogo e que ten os fondos consignados e, polo tanto, garantida a súa execución.

A responsable de Infraestruturas indicou que nunha primeira fase e para caso concreto desta comarca de Ferrol o plan prevé actuacións tan importantes como a execución de tres novas sendas: na AC-130, entre Ares e Mugardos, na AC-133 entre Franza e Rinlo, e na AC-133 Fene-Franza, no treito O Ramo.

Ethel Vázquez subliñou que estas tres sendas configuran un eixe entre Ares, Fene e Mugardos e que, xunto coas beirarrúas xa existentes, deixarán unidas a través de itinerarios peonís as capitalidades dos tres concellos. Así, con estas novas infraestruturas poderase realizar o camiño entre Ares, Fene e Mugardos a pé ou en bicicleta de xeito seguro. A conselleira precisou que nos meses nos que está operativo o transporte marítimo, permitirá aos seus veciños chegar a Ferrol.

Plan de Sendas de Galicia

Estas actuacións presentadas hoxe en Ferrol están enmarcadas na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, que en total prevé a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.

A conselleira apuntou que a Xunta iniciou os traballos en 7 comarcas galegas, entre as que se atopa esta de Ferrol. Así, nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas.

O propósito fundamental desta iniciativa é promover sendas útiles e saudables, ao percorrer a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías.

O citado plan recolle actuacións coordinadas sobre a totalidade do territorio galego na procura de dous obxectivos prioritarios: protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, os usuarios máis vulnerables das estradas; e promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo desprazamentos alternativos á utilización do vehículo particular.

O Plan elaborouse partindo dunha análise global de toda a comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como:

• A situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos
• O tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada
• A orografía e as pendentes do terreo
• O clima
• A facilidade de implantación
• A posibilidade de conectar con percorridos xa existentes

12 de abril de 2016 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.