Ence e Medio Ambiente concretan a colaboración para a ampliación e mellora da Edar de Placeres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Beatriz Mato na reunión con responsables de Ence. Foto: C. Paz

Beatriz Mato na reunión con responsables de Ence. Foto: C. Paz

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ence concretaron hoxe a colaboración da empresa para ampliar a Edar de Placeres, que se traducirá nun investimento de ata 15 millóns de euros que financiará parcialmente esta EDAR.

Tal e como estableceron os responsables de Ence e a titular de Medio Ambiente nunha reunión mantida hoxe en Santiago, este investimento detallarase posteriormente nun convenio de colaboración que asinarán ambas partes, e no que se establecerá o cronograma das actuacións e dos pagamentos.

Este encontro forma parte dos contactos que está a manter o Goberno autonómico coa empresa, e que teñen como obxectivo vixiar o cumprimento estrito de todos os compromisos adquiridos por Ence para a súa factoría de Pontevedra, un seguimento que Mato xa tiña anunciado en sede parlamentaria.

Entre outros aspectos, a Xunta tiña reclamado un maior compromiso e axilidade en materia ambiental, especialmente no eido da depuración, que agora se concreta neste investimento de 15 millóns de euros. Isto engádese ao compromiso de Ence, incluído na solicitude de prórroga, de investir na posta en marcha dunha nova depuradora para as súas instalacións na factoría de Lourizán.

Neste senso, a reunión tamén serviu para seguir avanzando na concreción doutros compromisos que a empresa incluíu na súa solicitude de prórroga como as melloras na propia planta para seguir impulsando a redución de emisións. Neste último aspecto, hai que recordar que Ence cumpre os parámetros ambientais actuais e que isto deberá seguir sendo así porque, para continuar coa súa actividade, a factoría terá que cumprir as novas esixencias da Unión Europea, condicións que cada vez son máis esixentes.

Hai que lembrar que a ampliación de Praceres está recollida no Plan de Saneamento de Pontevedra, no que se inclúe a redacción dun anteproxecto da nova Edar. Este Plan será adxudicado este mesmo mes, polo que os traballos de redacción do mesmo iniciaranse de inmediato unha vez estea asinado o contrato coa empresa adxudicataria.

14 de abril de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.