publicidade hoxe

Educación investirá 250.000 euros no IES Laxeiro de Lalín para poñer en marcha un viveiro de empresa no centro educativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Román Rodríguez na reunión co director do IES Laxeiro

Román Rodríguez na reunión co director do IES Laxeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá 250.000 euros na obra de ampliación que se realizará no IES Laxeiro de Lalín co obxectivo de poñer en marcha un viveiro de empresa. Así llo comunicou hoxe o conselleiro Román Rodríguez ao propio director do centro, Uxío Grande, no transcurso dunha reunión para abordar as necesidades do instituto lalinense.

En concreto, os traballos consistirán na ampliación dunha planta no edificio principal, que albergará a biblioteca, a sala de profesores e os despachos. Deste xeito, na planta inferior situarase o viveiro.

O titular do departamento educativo transmitiulle ao director a importancia da posta en marcha deste viveiro, pois é o primeiro que se desenvolverá dentro dos centros educativos da comarca de Deza. De feito, un dos obxectivos da Consellería pasa por ampliar a cobertura territorial da Rede de Viveiros, que agrupa un total de 19 espazos e actualmente está integrada por centros das sete grandes cidades e concellos onde hai un CIFP.

Por tanto, e ademais de ser o primeiro centro educativo da comarca de Deza que contará cun viveiro de empresa, o IES Laxeiro de Lalín tamén senta as bases da nova senda de implantación destes espazos de emprendemento, máis alá das cidades e dos Centros Integrados de Formación Profesional.

Berce do emprendemento

Cómpre lembrar que os viveiros de empresa son unha ferramenta fundamental para fomentar o emprendemento entre o alumnado e mellorar, en consecuencia, a súa inserción laboral unha vez saian ao mercado de traballo. De feito, moitas das iniciativas empresariais xurdidas nestes espazos tiveron continuación como proxecto de negocio fóra do viveiro.

6 de abril de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.