publicidade hoxe

Educación implantará o ciclo de grao superior en Vitivinicultura no IES do Ribeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria implantará para o vindeiro curso 2016/2017 o ciclo de Formación Profesional de grao superior en Vitivinicultura no IES do Ribeiro (Ribadavia). Así o explicou hoxe na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira -en resposta a unha pregunta do deputado César Fernández-, que sinalou como o obxectivo principal deste incremento da oferta educativa abrir novas posibilidades ao alumnado da zona que teña en posesión o título de bacharelato e ofrece a posibilidade de continuar a súa formación nesta familia a todos aqueles alumnos que teñan rematado o ciclo medio de Aceites de oliva e Viños, de tal forma que os estudantes poidan acadar a especialización nun sector que está en crecemento.

Neste sentido o director xeral lembrou que os viños das catro denominacións de orixe que teñen presenza na provincia de Ourense tiveron un incremento nas súas exportacións no 2014 de entre un 5 % e un 15 % con respecto ao ano anterior. En concreto a D.O. do Ribeiro conta con 2.800 hectáreas de viñedo localizadas en 14 concellos -entre os que está Ribadavia-, e ten inscritas 110 industrias e ata 5.812 produtores que fabrican máis de 7 millóns de litros ao ano. Segundo o expresado polos propios produtores, a Denominación de Orixe atópase nun momento de avance, co fin de mellorar a xestión, a competitividade no mercado, e continuar apostando pola innovación e a especialización para medrar no mercado, tanto a nivel nacional como internacional.

A implantación por parte do actual Goberno galego do ciclo de grao medio en Aceites de oliva e viños neste mesmo IES de Ribadavia obtivo uns resultados altamente satisfactorios, segundo sinalou Manuel Corredoira, “confirmando así que a estratexia de especialización e adecuación dos ciclos formativos ás actividades industriais e empresariais da súa zona de influencia foi todo un acerto”. Neste sentido o director xeral
sinalou que esta nova oferta formativa vén a cubrir a necesidade que hai nun sector que é un gran motor económico da zona, ligado ademais á oferta turística como provincia interior, aspectos que supoñen grandes oportunidades para quen se titule nestes ciclos.

Estratexia para impulsar a FP

Esta actuación enmárcase na estratexia que a Xunta de Galicia desenvolve para o impulso da FP en Galicia, que se traduce tanto no aumento da matrícula e a boa inserción laboral como na adaptación dos títulos formativos ás necesidades empresariais e do mercado laboral, de cada concello e de cada comarca.

De feito, desde 2009 a Consellería está a adaptar os ciclos formativos á oferta laboral, co obxectivo de formar a técnicas e técnicos en todas as familias profesionais, pero con posibilidades reais de levar a cabo a súa actividade profesional no seu entorno máis próximo, para o que se realizou unha exhaustiva análise dos sectores produtivos de cada zona, que permita tamén ás empresas contar con traballadores da máxima cualificación.

14 de abril de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.