Dous vigueses foron detidos roubando combustible dun camión aparcado en Navia
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron dous veciños da cidade, A.V.S., de 32 anos de idade, e A.F.R., de 30 anos, como presuntos autores dun roubo con forza, xa que foron sorprendidos extraendo combustible dun camión aparcado no barrio de Navia.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na tarde do luns, cando unha dotación que patrullaba pola rúa Pedra Seixa observou dous individuos que camiñaban dende un camión cargados cunha garrafa de 25 litros e unha mangueira, cara a un turismo próximo.
Ao decatarse da presenza policial, os dous botaron o que levaban, metéronse no coche e arrancaron, pero os axentes interceptáronos. Así, comprobaron que levaban no maleteiro outra garrafa de 25 litros, chea de gasóleo, así como unhas tesoiras na guanteira, coa punta torcida e con restos de combustible.
Os funcionarios policiais tamén inspeccionaron o camión, o depósito de gasóleo do cal estaba aberto, e ao lado do vehículo había unha garrafa baleira e un anaco de mangueira. Por estes feitos, procedeuse á detención dos dous sospeitosos.











