Coro Piñeiro asegura que a Estratexia galega de envellecemento activo situará a Galicia como referente neste eido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, participou na inauguración do do XXVIII Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía. Alí subliñou a importancia da Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020 que “situará a Galicia como Comunidade Autónoma referente en envellecemento activo e saudable”.

Ademais, no acto celebrado no salón de actos da Deputación de Lugo, a directora xeral salientou que a devandita estratexia “favorecerá a difusión e comprensión e comprensión integral do envellecemento activo e dos seus beneficios na cidadanía e axentes implicados; impulsará experiencias, con criterios de innovación, terapéuticos e económicos no campo do envellecemento activo que potencien a vida independente das persoas maiores con calidade de vida e no seus propios contornos; e promoverá a participación das persoas maiores en todos os ámbitos da vida reforzando as canles existentes para facelo e suscitando nas persoas o interese por facelo”.

Nas súas verbas, Coro Piñeiro salientou a relevancia de que o proceso de elaboración dunha estratexia tan importante como esta de envellecemento activo se realice desde a “participación e a escoita de todos os colectivos implicados neste ámbito”. Así, a directora xeral informou que -tras rematar as fases de recollida de achegas de todas as administracións, colectivos e entidades e de investigación cuantitativa e cualitativa do perfil das persoas maiores de 55 anos en Galicia- este proceso atópase na terceira fase de creación de grupos de traballo d expertos que determinará as actuacións que cómpre realizar no período de referencia da estratexia.

A Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020 atópase en liña co Marco Estatal de Actuación para as Persoas Maiores, sendo todas elas medidas para fortalecer o exercicio dos dereitos das persoas maiores elaborado polo Consello Estatal de Persoas Maiores e o IMSERSO.

Galicia é pioneira en materia de envellecemento activo. De feito, no ano 2012 aprobou a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia-Horizonte 2020, que ten como obxectivos a concienciación social en relación cos hábitos de vida saudables, o aumento da esperanza de vida libre de dependencia e a mellora da calidade de vida das persoas. Esta estratexia conta cun área de actuación especificamente dirixida a procurar unha actitude positiva ante o envellecemento así como promover os coñecementos e as consideracións necesarias para conseguir o mantemento das capacidades das persoas e retrasar situacións de dependencia.

22 de abril de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.