Cores Tourís visitou a estrada PO-532 ao seu paso pola parroquia de Mourente en Pontevedra onde se van a efectuar obras de reforzo do firme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á estrada PO-532

Cores Tourís na visita á estrada PO-532

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá xunto co xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, a estrada da PO-532 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Mourente onde se van a executar obras de reforzo do firme antes do verano de cara a mellorar a seguridade viaria.

Na visita estiveron tamén presentes o presidente da Asociación de Veciños de Mourente, Eulogio Sartier, así como varios representantes desta agrupación.

O delegado territorial anunciou que, ademais dos traballos na estrada e na travesía da PO-532 en Mourente, tamén se executarán obras de mellora e reposición de firme na estrada PO-542 entre Ponte Bora e O Pino en Pontevedra, cun orzamento global entre as dúas actuacións de 240.000 euros.

No caso das melloras que se executarán na estrada PO-532, a obra conta cun orzamento de 86.526 euros, para o fresado e reposición do firme localizado ao longo dos tres primeiros quilómetros desta estrada, tanto na travesía como na propia estrada. No caso da travesía, ademais dos fresados, tamén se aplicará unha extensión de capa de reforzo con mestura bituminosa descontinua de 3 centímetros. En total, fresaranse 5.759 metros cadrados cun grosor de 5 centímetros, aplicaranse 1.000 toneladas de mesturas bituminosas en quente, así como 5,2 toneladas de regas de aherencia, instalaranse marcas viarias ao longo de 4.310 metros e reporanse 56 reixas e tapas.

“Damos así cumprimento ao compromiso adquirido pola administración autonómica cos veciños de Mourente co obxectivo de mellorar o firme e garantir a seguridade viaria neste tramo, xa que se trata dun dos que conta con maior volume de tráfico da cidade do Lérez”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que xa se levaron a cabo varias obras de mellora da seguridade viaria neste punto co pintado de pasos de peóns. “Aproveitando estas obras tamén levaremos a cabo o rebaixe de varias beirarrúas para facilitar a accesibilidade, así como eliminaremos algúns escalóns que se atopan incluídos nas propias beirarrúas e que impiden o paso tanto de persoas con discapacidade como de carritos de nenos”.

Pola súa parte, o presidente da asociación de veciños, Eulogio Sartier, agradeceu a iniciativa da Xunta de Galicia, “xa que se está a preocupar de solucionar os problemas de seguridade e accesibilidade desta estrada”, lamentando que o concello de Pontevedra non tome exemplo. “Seguimos a sentirnos discriminados polo goberno local, que o único que pretende é por lombos nesta estrada a pesar de que os veciños, os outros partidos políticos e diferentes técnicos sanitarios dixeron unha e outra vez que non son adecuados”.

En relación á estrada PO-542, entre Ponte Bora e o Pino, o investimento é de 150.170,20 euros, e permitirá a mellora do firme ao longo de 3,2 quilómetros, aplicando fresado de pavimentos de 5 cm de grosor en 14.334 metros cadrados, 1.738 toneladas de mesturas bituminosas en quente, 7,2 toneladas de regas de aherencia e instalando marcas viarias ao longo de 6.420 metros.

A Axencia Galega de Infraestruturas é a encargada de executar este conxunto de reparacións estruturais e superficiais que permiten prolongar a vida útil do pavimento destas estradas. “Mediante reparacións puntuais e localizadas se busca diminuír a posibilidade dun deterioro exponencial do firme da calzada así como unha mellora importante na seguridade, nas actuais prestacións e na comodidade dos usuarios, permitindo a continuidade dos actuais itinerarios” explicou Cores Tourís.

O delegado territorial destacou a importancia destas obras de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunhas estradas que soportan un importante número de vehículos ao día” na que “unha adecuada sinalización e a mellora do firme eran necesarias” engadiu.

Estas actuacións están incluídas no Plan de Reforzos de firme que a Xunta está a levar a para priorizar a conservación das estradas, o que significa velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos.

13 de abril de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.