Conde subliña que para avanzar nos obxectivos de emprego é imprescindible a colaboración do tecido empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Francisco Conde na visita á Confederación Empresarial de Ourense

Francisco Conde na visita á Confederación Empresarial de Ourense

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita á Confederación Empresarial de Ourense (CEO) que para lograr os retos da Axenda 20 para o Emprego é imprescindible contar coa colaboración do tecido empresarial e dar resposta ás súas necesidades. Por iso, tal e como subliñou Conde, esta folla de ruta que fixa entre os seus obxectivos a creación de 100.000 postos laborais ata o 2020 ou sumar 50.000 contratos indefinidos contempla entre as súas 20 medidas a posta en marcha de incentivos á contratación por preto de 75 millóns, a creación de Unidades de Formación na empresa que impulsarán a especialización e capacitación con compromiso de contratación, e o reforzo dos servizos de apoio aos empresarios a través das oficinas de emprego.

Neste contexto, o responsable de Economía, Emprego e Industria sinalou que son especialmente relevantes os plans integrados de emprego como o que ata o pasado mes de agosto desenvolveu a CEO. Esta iniciativa beneficiou un total de 100 demandantes de emprego, que accederon a accións formativas, a itinerarios personalizados de inserción e a intermediación laboral, logrando unha porcentaxe de recolocación do 50%, cifras que se espera repetir ou superar co novo Plan Integrado que está xa en marcha.

Dentro das iniciativas desenvoltas o ano pasado, elaborouse tamén a Guía para Emprender en Ourense, achegando non só os recursos e as ferramentas dispoñibles, senón tamén experiencias de éxito de diferentes emprendedores. Conde, que apuntou que só no primeiro trimestre de 2016 se crearon un 10% máis de sociedades na provincia que no mesmo período de 2015, reiterou o respaldo da Xunta ao emprendemento, lembrando os apoios que se achegan tanto desde Igape e Xesgalicia como desde a área de Emprego, que destina este ano máis de 31 millóns de euros en apoios aos autónomos.

Reunión cos empresarios do Polígono de Barreiros

Previamente á visita á CEO, Conde mantivo en San Cibrao das Viñas un encontro coa xunta directiva da Asociación de Empresarios do Polígono de Barreiros. Na reunión avaliáronse novas vías de colaboración para continuar a impulsar a competitividade das empresas deste parque empresarial no que se ubican máis dun cento de compañías. Ademais, o conselleiro trasladoulle as principais vías de actuación do seu departamento, en eidos como a innovación, a internacionalización, o acceso ao financiamento ou a simplificación administrativa.

22 de abril de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.