Conde subliña a aposta da multinacional Everis por innovar en Galicia

Conde na na inauguración da ampliación das instalacións. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe na inauguración da ampliación das instalacións da compañía Everis no edificio Torre de Cristal da Coruña a aposta desta multinacional por innovar en Galicia e polo talento dos traballadores galegos.
No acto, no que participaron o conselleiro delegado de Everis, Benito Vázquez, así como o director de Everis en Galicia, Jesús Lage, Conde subliñou que esta consultora tecnolóxica con máis dunha década de traxectoria en Galicia emprega xa máis de 200 profesionais na comunidade, apuntando que as novas instalacións, que duplican o espazo que ocupaba ata agora, forman parte dunha liña de investimento en Galicia no marco da cal a compañía xa sumou máis de 60 traballadores no último ano, e prevé incorporar neste 2016 outras 30 persoas, chegando así aos 230 empregos en Galicia.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria fixo fincapé en que esta aposta pola comunidade ten un fito especial na posta en marcha da unidade mixta de investigación en eHealth na que Everis e o centro tecnolóxico Gradiant, coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez, desenvolven tecnoloxías punteiras co obxectivo de axudar os oncólogos a escoller os mellores tratamentos, rebaixar os tempos de espera en urxencias, ou mellorar a autonomía das persoas maiores.
Conde, que lembrou o encontro en Xapón do presidente da Xunta co presidente do grupo NTT Data, ao que pertence Everis, apuntou que a innovación é unha parte fundamental da compañía, e neste eido a compañía ten contado co apoio do Goberno galego, tanto na unidade mixta de investigación como mediante o programa Innterconecta, no que Everis está participando con outros socios e centros de coñecemento en tres proxectos, un dos cales vén de ser aprobado na última convocatoria, que supoñen 6,7 millóns de euros entre investimentos públicos e privados, centrados tamén na innovación sanitaria.
Do mesmo xeito, o responsable de Economía, Emprego e Industria destacou a aposta da compañía pola compra pública innovadora, como forma de entender a colaboración público-privada nun modelo de innovación aberta, e destacou a oportunidade que pode supoñer para Everis o proceso que se está a desenvolver neste eido en torno ao polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas.
Incidiu o conselleiro que, de cara ao futuro, se abrirán novas vías de colaboración, tendo en conta o papel que xogan as TICs na implantación da fábrica intelixente, na que a Xunta avanza a través da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).











