Conde avalía cos empresarios de Vigo as medidas para consolidar o bo ritmo de creación de compañías na comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avaliou hoxe cos novos empresarios de Vigo as medidas que ten en marcha a Xunta para consolidar o bo ritmo de creación de compañías na comarca. Conde, que estivo acompañado pola presidenta de Fegaxe, Carmen José López, e polo presidente de AJE Vigo, Alejandro Cabo, reuniuse nun almorzo de traballo con membros de AJE Vigo procedentes dunha ducia de sectores, como a hostalería, o comercio, o marketing, o turismo, a química, a informática ou as finanzas, onde tratou “as súas principais necesidades e as principais barreiras que se están atopando os mozos e mozas cando empezan unha actividade emprendedora”.

Os últimos datos dispoñibles amosan como, durante os dous primeiros meses de 2016, o número de empresas creadas con respecto ao mesmo período de 2015 medrou preto dun 40% na comarca viguesa, incrementándose desde as 126 dos dous primeiros meses de 2015 ás 175 de 2016. O conselleiro resaltou o esforzo da Xunta para apuntalar ese incremento, fortalecendo o tecido empresarial e industrial a partir da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e da Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3.

Neste senso, sinalou o “marco integral” de apoios da administración para o fortalecemento do emprendemento, o financiamento e a innovación dos novos empresarios vigueses. Conde destacou ferramentas como as aceleradoras de emprendemento, como Vía Vigo, na que a Xunta traballa con Zona Franca, e que se suma a outra iniciativas deste eido como Agrobiotech, as aceleradoras que a Xunta porá en marcha da man da EOI, ou as Lanzadeiras de Emprego.

Durante o encontro, Conde trasladou ademais o apoio ao financiamento de empresarios e emprendedores co Galicia 1.000, no marco do que a Xunta porá en marcha nas vindeiras semanas unha liña de microcréditos bonificados e avalados de ata 25.000 euros; ou os apoios de 20 millóns que este ano se dedicarán a formar e impulsar a contratación dos mozos e mozas. Un respaldo integral no que o Goberno galego busca contar coa colaboración dos propios empresarios a través da plataforma Doing Business, mediante a que poden suxerir melloras na regulación de cara a derrubar barreiras burocráticas.

8 de abril de 2016 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.