publicidade hoxe

Comezan os traballos para solventar as deficiencias no polideportivo IES Ramón Cabanillas de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

A empresa adxudicataria Copcisa S.A. comezou este mércores as obras de reparación no Pavillón Cabanillas de Cambados para liquidar as numerosas deficiencias que foron detectadas por técnicos da Deputación de Pontevedra e a dirección de obra nas sucesivas visitas ás instalacións para avaliar o estado xeral dos traballos.

O Pavillón de Cambados sofre continuas filtracións de auga debida a unha mala formulación da obra de reforma das instalacións que fixo o anterior goberno da Deputación e que non incluía un cambio na cuberta a pesar do seu evidente deterioro, tal e como continuamente veu advertindo a empresa concesionaria. A reforma que acometeu o goberno anterior non tivo en conta, como recomendan os técnicos, a necesaria execución dunha sobrecuberta aillada, cunha tipoloxía de chapa similar á actual, que houbera permitido garantir ó 100% a estanqueidade da cuberta e a inexistencia de goteos por condensación.

Así as cousas ante unha situación herdada e que padecen todos os usuarios e usuarias do polideportivo, dende a súa toma de posesión o novo goberno da Deputación veu realizando esixencias á empresa adxudicataria para reparar as filtracións. De feito, no mes de xaneiro procedeuse ao arranxo de novas pingueiras mediante o cambio de todos os parafusos da cuberta e o selado das xuntas. Tamén se modificaron todos os aliviadoiros da cuberta colocando no seu lugar uns de maior sección. Así mesmo, procedeuse á colocación dunha malla plástica a todo o longo do canlón da fachada principal co fin de que as follas non cheguen a depositarse nel, obstruyendo novamente as bajantes

Agora, tras o último informe realizado pola institución provincial, a empresa procederá a reparar 11 puntos localizados de novas entradas de auga, cubrindo as fisuras mediante selado, inspeccionando e plegando, se procede, as chapas baixo cumbrera, saneando os solapes transversais da chapa, instalando pezas de perfil metálico e revisando de novo os solapes lonxitudinais de chapas de cuberta.

Aínda así, e ante o evidente deterioro que presenta a chapa, caso de que con estas reparacións non se logre liquidar a situación, estudaranse as fórmulas adecuadas para afrontar de forma definitiva unha solución a este problema.

Ademais da reparación das pingueiras, os traballos que comezaron hoxe, seguindo as esixencias dos técnicos da Deputación de Pontevedra, inclúen a eliminación da auga que entraba no baño de minusválidos coa realización dunha roza na xunta do bloque e o sellado con silicona para evitar filtracións; o pintado da pista exterior do pavillón que se atopaba en mal estado; a instalación de “barras antipánico” nas portas de emerxencia; e a protección das luminarias de emerxencia instalando unhas reixas que impidan que se rompan no transcorrer das actividades deportivas.

6 de abril de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.