Comeza o trámite de expropiacións do treito entre San Sadurniño e Sanguiñeira, na Vía de Altas Prestacións da Costa Norte
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato do servizo para a realización das expropiacións necesarias para a execución do treito San Sadurniño- Sanguiñeira da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte.
A Xunta licita este servizo por un importe de máis de 62.000 euros e establece un prazo de execución de 24 meses. A presentación de ofertas poderá realizarse nun prazo que ten como data límite o vindeiro 6 de maio. No seguinte enlace pódese consultar a resolución publicada hoxe no DOG: http://goo.gl/cVLzkM
Este subtreito entre San Sadurniño e Sanguiñeira, cunha lonxitude de 6,7 quilómetros e sección tipo corredor, consta dun orzamento que ascende a preto de 32 millóns de euros.
Cómpre lembrar que a conselleira de Infraestruturas e Vivenda manterá mañá unha xuntanza de traballos con alcaldes de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña para abordar a Vía de Altas Prestacións da Costa Norte. Esta reunión, que será a segunda, enmárcase na liña de diálogo e coordinación entre Administracións coa fin de desenvolver unha rede de estradas eficiente e segura para os veciños destas comarcas.
Con este trámite que hoxe anuncia o DOG, a Xunta avanza nesta infraestrutura viaria que pretende diminuír os tempos de percorrido investidos e aumentar a seguridade viaria, xa que se trata dun tramo encadrado nas obras de mellora das comunicacións da comunidade autónoma.
A Vía de Altas Prestacións da Costa Norte está actualmente en execución no treito entre Celeiro e San Cibrao, cun orzamento de máis de 54 millóns de euros e unha previsión para a súa finalización para este ano. Ademais, xa está en servizo a Variante de Ortigueira, cun investimento de preto de 50 millóns de euros.