Comeza a operar o novo equipo psicosocial de reforzo na Subdirección do Imelga en Vigo
Tras considerar o Goberno galego a necesidade de dotar dun equipo psicosocial a maiores á Subdirección do Imelga en Vigo, hoxe mesmo comezou a operar na cidade olívica.
Unha vez que o Consello da Xunta autorizou este mesmo mes aprobar a autorización da superación do límite do 30 por cento do concepto 131 recollida no artigo 8.3a) da Lei orzamentos para o ano 2016 para o financiamento da cobertura de prazas por acumulación de tarefas nas subdireccións do Imelga, dende hoxe comeza a prestar servizos este novo equipo psicosocial.
E faise posible tras a necesidade suscitada coa recente posta en marcha dun xulgado de reforzo en materia de Familia (o terceiro dos xulgados especializados en Vigo), o que está a xerar máis peticións de informes a estes profesionais. Este equipo de reforzo axilizará tamén a tramitación en materia de violencia de xénero, polo que atinxe aos informes que dependen destes profesionais.
Os equipos psicosociais teñen, entre outras funcións, atender as demandas de valoración e elaboración de informes en procedementos altamente sensibles, sendo os asuntos sobre os que se requiren cuestións de gran importancia para a vida cotiá das persoas e que requiren que sexan atendidas nun tempo razoable, precisando dunha metodoloxía específica tanto no ámbito civil como penal, cun manexo de datos de alta sensibilidade.
Entre os ditos asuntos atópanse valoracións do ámbito de familia: gardas e custodias, réximes de visitas, modificacións de medidas; e do ámbito penal: violencia de xénero e doméstica, credibilidade do testemuño en abusos sexuais, probas preconstituídas, valoracións de incapacidades e sociofamiliares.











