Clausúrase o obradoiro de emprego Caíño Tinto no que se formaron 15 mozos menores de 30 anos

Clausura do obradoiro
A delegada territorial, Raquel Arias, clausurou hoxe o obradoiro de emprego Caíño tinto, un proxecto no que a Xunta de Galicia investiu máis de 130.000 euros e no que durante os últimos seis meses se formaron e traballaron 15 mozos e mozas menores de 30 anos.
Este obradoiro, que foi promovido polo concello de Pantón en colaboración cos de Sober e O Saviñao, impartiu as especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e montaxe e instalación de construcións de madeira, con 6 e 9 alumnos traballadores respectivamente.
Entre outros traballos, os participantes acondicionaron o acceso ao consistorio e á biblioteca de Pantón e o terreo municipal de Sampil, no Saviñao, ademais de colocar marquesiñas en estradas de Sober, instalar diverso mobiliario urbano e realizar distintas actuacións forestais nos tres concellos.
Os alumnos traballadores recibiron hoxe os diplomas nun acto celebrado no Saviñao no que tamén participaron o alcalde deste concello, Joaquín González González, e o de Sober, Luis Fernández Guitián.
Este foi un dos cinco obradoiros especificamente destinado a menores de 30 anos que puxo en marcha a Xunta na provincia de Lugo, unha iniciativa novidosa na convocatoria do 2015 dentro deste tipo de programas.
A delegada territorial lembrou que no sur da provincia tamén se desenvolveu o obradoiro de emprego Sillor II, promovido por Ribas de Sil xunto con Folgoso do Courel e Quiroga, de xeito que as dúas actuacións postas en marcha na zona suman un investimento de máis de 308.000 euros e beneficiaron a 35 persoas desempregadas.
No conxunto da provincia, a Xunta puxo en marcha 15 obradoiros de emprego durante o pasado ano, realizando un investimento de 2,5 millóns de euros que permitiu formar e dar traballo a 277 persoas de 41 concellos.
Raquel Arias afirmou que o Goberno galego sigue apostando polos obradoiros como ferramenta para promover a inserción laboral e, de feito, a Xunta dedicará este ano preto de 14 millóns ao financiamento destas iniciativas.











