Chegan aos xulgados os altos cargos investigados pola hepatite C
Os dous cargos do Sergas investigados por prevaricación administrativa a raíz da concesión dos novos tratamentos contra a hepatite C, Félix Rubial e Carolina Gómez-Criado, chegaron a primeira hora deste xoves aos Xulgados de Fontiñas para declarar ante o maxistrado do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que investiga os feitos.
O que era entón director de Asistencia Sanitaria do Sergas e a subdirectora xeral de Farmacia apareceron, xunto ao seu avogado, pouco antes das 9,10 horas deste xoves e non quixeron facer declaracións á súa entrada.
Ambos os dous cargos están citados para as 10,00 horas polo maxistrado Andrés Lago para declarar en calidade de imputados pola concesión de tratamentos a pacientes afectados pola hepatite C, un procedemento aberto tras unha querela presentada pola Fiscalía a raíz dunha denuncia da Asociación Batas Brancas que alertaba de “atrasos inxustificados” na administración de fármacos a estes pacientes.
O xuíz decidiu abrir inicialmente dilixencias solo por prevaricación administrativa, aínda que a Fiscalía na súa querela lles atribuíu tamén un suposto delito de “homicidio por imprudencia profesional grave”, ao atrasar a administración dos fármacos “por razóns presupostarias”.
Tras a decisión do xuíz de abrir dilixencias, esta convértese na primeira causa penal que se abre en España contra unha Administración pública — neste caso o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo– en relación á prescrición de medicamentos para pacientes con hepatite C, se ben as denuncias de afectados foran reiteradas.











