Cecilia Vázquez acode ao III Encontro internacional de novos emprendedores en Valença

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na inauguración do III Encontro Internacional de Novos Emprendedores que se desenvolve hoxe e mañá na vila portuguesa de Valença. O evento está organizado conxuntamente pola Escola Superior de Ciencias Empresariais do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade da Coruña e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Este encontro ten como obxectivo implicar aos mozos e mozas de Galicia e do Norte de Portugal no esforzo conxunto de impulsar a Eurorrexión como un territorio con posibilidades de crecemento futuro e fomentar o espírito emprendedor, ao tempo que se converte nun espazo de intercambio de experiencias entre os participantes.

Cecilia Vázquez sinalou que “a través de proxectos como este, implicamos aos mozos e mozas dos dous países nun esforzo conxunto, que permite reforzar e fortalecer os nosos vínculos, polo que estamos creando un sistema de traballo en común que será de gran utilidade para as nosas sociedades durante moito tempo”.

A directora xeral de Xuventude tamén destacou que a xestión de catro programas de cooperación transfronteiriza en materia de Xuventude -Eurocidade, Espazo Xuvenil, Emprende e Eurocidade II- supuxeron un investimento conxunto que se achega aos 4 millóns de euros en 5 anos. Destacou especialmente o proxecto Emprende, do que se beneficiaron uns 10.000 rapaces e rapazas, así como entidades, asociacións e empresas.

Así mesmo, a titular do departamento autonómico engadiu que a iniciativa enmárcase no apoio que está a prestar a Xunta de Galicia na difusión dos valores do emprendemento, na confianza e no estímulo á xuventude como capital de futuro, tal e como se recolle no marco do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, que ten no fomento da creatividade e do espírito emprendedor un dos seus eixos prioritarios de actuación.

Cecilia Vázquez aproveitou tamén para lembrar que mañá vernes se publicará no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa 2016, que permitirá que 500 mozos e mozas menores de 30 anos poidan realizar prácticas formativas en empresas e entidades públicas e privadas de 31 países europeos, co fin de acadar unha experiencia internacional que repercuta favorablemente na súa inserción laboral.

Por outra banda, destacou que o pasado luns rematou o prazo de presentación de proxectos de Iniciativa Xove, un programa de educación non formal a través da participación xuvenil que ten como obxectivo que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar as súas propias actividades. Cun orzamento de 550.000 euros, permitirá financiar arredor de 140 proxectos a través dos que se estimulará o emprendemento, o liderado, a creatividade e o talento xuvenil.

7 de abril de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.