Caballero avala atrasar o congreso do PSdeG ata despois do federal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, o socialista Abel Caballero, avalou atrasar o congreso do Partido Socialista de Galicia ata despois de celebrar o congreso federal, xa que así é “como sempre foi” e ademais se evitará que o congreso galego coincida cunhas “probables” eleccións xerais.

Así o manifestou este xoves nun acto no Auditorio Mar de Vigo, onde dixo que el aposta por “non convocar agora” o congreso galego, porque “o máis probable é que volva haber eleccións xerais”. “Como imos convocar e estar no PSdeG no medio dun congreso con eleccións?, non é posible”, apostilou.

Desta forma, sostivo que o congreso de Galicia se celebrará despois do congreso federal, que foi aprazado nun acordo por unanimidade ata que se forme Goberno. Sobre isto, dixo que é “unha boa decisión, porque hai que dedicarse ao que lle importa á xente, que é que España teña un Goberno”.

O rexedor olívico fixo estas declaracións en Vigo nunha semana na que arrancou unha xira por varias localidades galegas -este martes estivo en Ferrol e Ourense e o mércores en Lugo e A Coruña- nunha iniciativa para “arrimar o ombro” e “relanzar” o Partido Socialista en Galicia.

14 de abril de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.