Bugallo cre que o PSdeG vive o momento máis complicado en 38 anos
O exalcalde de Santiago e actual deputado autonómico do PSdeG, Xosé Sánchez Bugallo, deu este xoves a voz de alarma sobre a situación que atravesa o seu partido, ata o extremo de que opinou que vive “o momento máis difícil e complicado” nos seus 38 anos como afiliado. Neste escenario, celebrou a “implicación” do rexedor vigués, Abel Caballero, e advertiu de que os socialistas non poden permitirse “o luxo” de prescindir de “referentes” como o expresidente da Xunta Fernando González Laxe e de figuras como Antolín Sánchez Presedo e José Blanco.
Así o dixo ao ser cuestionado en rolda de prensa sobre a situación interna do seu partido e sobre a rolda de contactos iniciada por Abel Caballero a mesma semana que a xestora do PSdeG anunciará o calendario de primarias.
Sobre os pasos dados polo primeiro edil da cidade olívica, Bugallo expresou a súa “alegría” porque a persoa coa posición institucional “máis relevante” no PSdeG, en lugar de manterse “alleo” á situación, optara por “interesarse” e “colaborar” na resolución dos problemas. “Benvido sexa”, remarcou, tras admitir que “hai dous anos daría unha resposta “moi diferente” á pregunta de se Caballero podrecía concitar o consenso do partido.
E é que, segundo as súas propias palabras, na situación actual da organización, e co aval dos seus resultados, hoxe a súa “autoridade política” é “indubidable”. Iso si, pediulle visión autonómica e superar o marco máis alá da súa “área metropolitana”.
“Non sobra ninguén”, resaltou o parlamentario socialista, para, a continuación, recoñecer que para el foi “desoladora” a retahíla de autodescartes de cargos do PSdeG tras a marcha de José Ramón Gómez Besteiro debido á súa decena de imputacións. Neste punto, apelou a diferenciar o “interese persoal” da necesidade de “estar a disposición do partido” e, ao fío diso, puxo o foco en veteranos dirixentes como Laxe, Sánchez Presedo ou Blanco, que “non “poden desentenderse” da formación nin esta “prescindir da súa achega”.
PARTIDO “INTERXERACIONAL”
De feito, ha xulgado que “é importante gañar a batalla dos mozos” pero advertiu de que non pode facerse a custa de que as persoas que “levan 20 ou 30 anos avalando ao PSOE” non sintan esa “identificación”. Máxime, afondou, á vista de que o peso electoral deste último colectivo rolda o 75 por cento.
Ademais, reforzou as súas teses co argumento de que, nas pasadas eleccións municipais, os mellores resultados do PSdeG foron en Lugo e Vigo, con Xosé López Orozco e Abel Caballero nos carteis. “¡ Candidatos renovados!”, chanceou Bugallo, antes de considerar “moi, moi preocupantes” os datos das outras cidades.
Dito isto, puntualizou que non defende que compareces como Laxe ou Sánchez Presedo teñan que ser candidatos á Xunta, pero si incrementar a súa “presenza”. “Se non sumamos, restamos”, sinalou, consciente do carácter “interxeracional” do seu partido e de que a “renovación” non significa “renunciar ao capital acumulado”.
“CONSENSO MAIORITARIO”
A liña seguida, acerca do papel da xestora, obxectou que “é pronto” para avaliar o seu labor e lle recomendou ter “especial coidado” nas súas decisións dado que o seu mandato é “provisional”.
Neste sentido, aconselloulle que busque “o consenso maioritario do partido” nas súas medidas pois, como engadiu, os tempos de militantes “leais e obedientes” e nos que “o propio electorado seguía esa liña” xa “son historia”. Tanto os militantes como os electores, en función das decisións que se toman, adoptan as súas propias”, remarcou.
Pedida a súa opinión sobre a conveniencia de celebrar o congreso antes das primarias como demandaron os comités provinciais do PSOE en A Coruña e Ourense, deu por feito que iso non acontecerá e sostivo que “o que máis urxe” é elixir o candidato á Presidencia da Xunta.
E, aínda que considerou “absolutamente imprescindible” un conclave que designe á nova dirección, recordou que está pendente o federal e que os estatutos do PSOE obrigan a renovar as executivas autonómicas a continuación. Polo tanto, indicou que sería “bastante excesivo” celebrar un congreso en Galicia antes do verán e outro na segunda parte do ano.
En paralelo, quen durante 14 anos tivo o mando da capital galega, subliñou que os socialistas galegos deben resolver os seus problemas e “non esperar que se solucionen dende fóra”, pois o calendario e a orde de prioridades de Ferraz “non é” — dixo — o do PSdeG.











