Beatriz Mato presenta en Oleiros o premio Juana de Vega de intervención na paisaxe
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou esta mañá que a paisaxe é unha realidade que define á Comunidade galega a nivel cultural, ecolóxico, medio ambiental e social. Así, o manifestou esta mañá durante a presentación do premio Juana de Vega de intervención na paisaxe, convocado pola Fundación Juana de Vega, onde engadiu que a paisaxe é unha parte fundamental da nosa identidade, polo que é preciso coñecela, protexela e preservala, xa que dalgunha forma “estamos a coidar de nos mesmos: do noso pasado, presente e, sobre todo, futuro”.
Recordou que o compromiso coa paisaxe é unha cuestión que non deixa de medrar nas sociedades máis avanzadas, e recordou que a nivel europeo existe un documento fundamental, asinado polos países membros do Consello de Europa en Florencia, como é o Convenio Europeo da Paisaxe, que reclama a consolidación dunha nova cultura territorial e paisaxística.
Neste sentido, argumentou que construír unhas paisaxes ordenadas e sostibles está nas mans de cada un e por esa razón desde o Goberno galego se promove a sensibilización social, coa posta en marcha dun novo marco normativo e as ferramentas necesarias para a protección e mellora da paisaxe.
A modo de exemplo, lembrou que por primeira vez, no presente curso académico, implantouse a materia Paisaxe e sustentabilidade como materia de libre elección para Secundaria e Bacharelato. “A educación e sensibilización en materia de paisaxe é un aspecto prioritario para a actual Xunta, polo que se traballa con este obxectivo desde as idades máis novas”, manifestou.
Primar o interese xeral
A conselleira de Medio Ambiente recordou que o pasado mes de marzo aprobouse a nova Lei do solo, unha normativa que recolle a protección da paisaxe como un dos seus tres eixes principais. Esta nova lei prima o interese xeral, que representa a paisaxe, por riba de calquera interese privado ou particular.
Salientou que a nova Lei do solo establece o marco necesario para que as construcións se adapten á contorna –e non ao revés- fomentando a recuperación do xa construído fronte á execución de novas estruturas e reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións.
Beatriz Mato recordou que o Goberno galego puxo en marcha a Estratexia da Paisaxe Galega 2014-2016, no que se recolle a elaboración do primeiro Atlas das Paisaxes de Galicia, un novo instrumento para ordenar, mellorar e restaurar os elementos que compoñen o territorio galego.
A conselleira celebrou a posta en marcha de iniciativas como este premio, que vai distinguir aquelas intervencións que axuden a mellorar a calidade da paisaxe de Galicia e lembrou que a Consellería de Medio Ambiente puxo en marcha a Estratexia Galega da Paisaxe, que establece entre as súas prioridades a elaboración do primeiro Atlas das Paisaxes de Galicia, un novo e importante instrumento para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que forman o territorio galego.
Este Atlas estará constituído polo Catálogo das Paisaxes, que actualmente se atopa en fase de exposición pública, e no que se definen os tipos de paisaxe –identificando 258 tipos- e no que se delimitan as unidades de paisaxe, contabilizándose un total de 28.350 unidades; e tamén polas Directrices da Paisaxe, no que se definirán os obxectivos de calidade paisaxística para as Unidades de Paisaxe e unha proposta de medidas específicas para conseguir ditos retos. Por último, recordou que onte mesmo asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería e a Universidade de Santiago, polo que a entidade académica dará soporte técnico á Xunta e participará na coordinación do traballos de redacción das Directrices da Paisaxe, antes elevar ao Consello da Xunta este documento para a súa aprobación.