Beatriz Mato destaca que a nova Lei do solo dá resposta ao novo modelo de urbanismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na xornada sobre a lei do solo na Coruña. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na xornada sobre a lei do solo na Coruña. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou esta mañá que a nova Lei do solo, que entrou en vigor o pasado 19 de marzo, dá resposta ao novo modelo de urbanismo que require a Galicia actual e que se caracteriza pola responsabilidade e sostibilidade, a eficiencia e eficacia na ordenación do territorio e na toma de conciencia da importancia social, económica e ambiental da paisaxe e da protección.

A conselleira de Medio Ambiente inaugurou esta mañá nunha xornada sobre a Lei do solo, organizada pola Universidade da Coruña, onde recordou que é un texto que nace do consenso e do diálogo, con vocación de futuro e de permanencia e que permite facer entre todos unha Galicia ordenada, sostible, capaz de crecer e de ser competitiva, ao tempo que respecta o seu patrimonio, os seus valores naturais e a súa paisaxe.

A nova Lei do solo foi un dos proxectos lexislativos máis importantes da actual lexislatura, que pon o interese xeral que por riba de calquera interese privado ou particular e que blinda a autonomía municipal. Nese sentido, destacou que se trata dun texto máis sinxelo e simplificado, para facilitar e axilizar a redacción dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos, de xeito que todos poidan contar cun instrumento de ordenación.

Unha das principais medidas que recolle esta lei é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes; e simplifica o proceso creando un informe único autonómico.

A titular de Medio Ambiente destacou o traballo realizado polo Goberno galego nos últimos anos a prol da mellora e actualización da ordenación do territorio galego, grazas á aprobación en 2011 das Directrices de Ordenación do Litoral e do Plan de Ordenación do Litoral.

Por último, sinalou que o seu departamento continúa traballando por un urbanismo sostible e responsable a través de dúas novas ferramentas: o borrador do Catálogo das Paisaxes, no que se inclúen a definición dos tipos e a delimitación das unidades de paisaxe; e a elaboración do Regulamento da Lei do solo, que vai a desenvolver aspectos da nova norma que inciden directamente na súa aplicación e que na actualidade está en fase de alegacións.

1 de abril de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.