Arranca a primeira edición do curso sobre financiamento comunitario TecEuropa en Bruxelas
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o programa de especialización en financiamento comunitario que durante esta semana, entre o 11 e 0 15 de abril, formará en Bruxelas a máis de vinte profesionais de entidades públicas e privadas galegas. O curso complementarase con dúas sesións de formación práctica en Santiago os días 28 e 29 de abril. O director xeral destacou a importancia de que os traballadores das institucións e empresas galegas coñezan as oportunidades de financiamento das que dispoñen e saiban como acceder a elas.
Esta edición, a primeira das dúas que se celebrarán este ano, enmárcase dentro dos obxectivos da FGE de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos. Os asistentes recibirán durante estes días a formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020 e visitarán as sedes da Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Comité das Rexións (CdR) en Bruxelas co obxectivo de coñecer de primeira man o funcionamento das institucións europeas.
Coa meta última de incrementar a participación galega en proxectos europeos e formar responsables de asuntos comunitarios capaces de crear redes, tamén se organiza no marco de TecEuropa un coloquio sobre a actividade comunitaria con galegos que traballan nas institucións, unha das principais novidades con respecto á edición do 2015. Este encontro terá lugar na sede da Fundación o xoves 14 de abril.
Perfís dos participantes
A FGE convocou a principios de marzo este programa no que participan un total de 40 persoas entre as dúas edicións, seleccionadas segundo a súa experiencia, formación e interese da entidade á que pertencen. Os 20 técnicos de entidades públicas e privadas galegas que participan esta semana no programa TecEuropa proceden en boa medidas de entidades membro do padroado da FGE, como a Xunta de Galicia, presente a través de persoal das distintas consellerías.
A lista completa revela perfís moi diversos e está integrada por técnicos do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), os IES Audiovisual de Vigo e Lucus Augusti de Lugo, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), a Asociación Téxtil de Galicia, Conxemar, Grupo Compostela de Universidades (CGU), a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (AECT-GNP), a Universidade da Coruña, a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL) e a Asociación Cultural Xeración.
O programa do curso bota a andar cunha introdución sobre a realidade político-institucional da UE, para despois profundar no marco orzamentario comunitario 2014-2020 e aspectos prácticos para identificar e solicitar financiamento comunitario adaptado ás necesidades de cada entidade. TecEuropa daralle aos participantes as claves dos principais programas de financiamento e durante as visitas ás institucións europeas con sede en Bruxelas explicaráselles o proceso comunitario de toma de decisións.











