Amparo González destaca a importancia de garantir os dereitos e intereses dos menores en acollemento residencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Amparo González en Vilagarcía de Arousa

Amparo González en Vilagarcía de Arousa

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, visitou hoxe a casa de familia Fundación Aldaba en Vilagarcía de Arousa, un recurso que garante o benestar dos e das menores acollidos en todos os ámbitos da súa vida, mentres se resolve a súa situación familiar ou se lles proporciona unha alternativa á mesma.

A Fundación Aldaba é unha entidade privada sen ánimo de lucro, que nace en 1999 coa intención de xerar novos servizos que redunden no benestar dos cidadáns máis desprotexidos. No transcurso da visita á casa de familia desta entidade, a directora xeral comprobou de primeira man os recursos e coidados que alí se prestan e destacou que “o máis importante é priorizar o interese e os dereitos dos e das menores acollidos, sobre todo o dereito a vivir nunha familia e nunha contorna acolledora”. Deste xeito, a entidade traballa no retorno familiar, tanto cos menores como coas súas familias, así como en poder ofrecerlles alternativas á reunificación familiar como o acollemento familiar ou a adopción.

Na actualidade, a Consellería de Política Social mantén un contrato de servizos coa Fundación Aldaba no que atinxe ao acollemento residencial, con vixencia ata o 31 de maio de 2020 no caso de que se efectúen todas as prórrogas. Este contrato permite o mantemento de oito prazas de acollemento residencial, do que sete son de tipo xeral e unha especial. O departamento autonómico achega un total de 159.960 euros para o mantemento destas prazas, que a día de hoxe están ocupadas na súa totalidade.

Os obxectivos da casa de familia pasan por ofrecer aos menores un espazo acolledor que proporcione modelos de referencia, ser un marco de convivencia ordenado que posibilite procesos de ensino- aprendizaxe e axudar a conseguir habilidades sociais e emocionais para afrontar a realidade. Así mesmo, nestas instalacións ofrécese unha acción educativa personalizada, apoio e asesoramento familiar e se traballa na integración social dos menores.

O benestar das persoas máis desprotexidas, como o dos menores en situación de risco, é unha prioridade para a Xunta de Galicia. Por elo, en aras de mellorar os servizos prestados pola administración autonómica e que cheguen ao maior número de persoas que máis os precisan, a Consellería de Política Social incrementou este ano nun 40% os recursos económicos dispoñibles para a área de Familia, Infancia e Conciliación, e os sitúa nos 97,2 millóns de euros.

22 de abril de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.