A Xunta volve a convocar ao concello de Vigo a unha reunión para falar da estación intermodal e do transporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda ven de convocar por terceira vez ao Concello de Vigo a unha reunión para falar do proxecto da estación intermodal e sobre as melloras do servizo do transporte urbano co aeroporto de Peinador.

Tras a sorpresa polas últimas declaracións feitas ao respecto onte polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e unha posterior comunicación da Concellería de Transportes na que prantexaba cambios na convocatoria do encontro xa acordada para o día de hoxe en Santiago co único obxecto de tratar o proxecto da estación intermodal, a dirección xeral de Mobilidade volveu a trasladar ao goberno local esta mañá a súa dispoñibilidade en manter a data acordada e celebrar o encontro na tarde de hoxe na Delegación da Xunta.

“Caballero díxoo aos medios e logo nos comunican que non queren a reunión nin o martes nin en Santiago. Non entendo a actuación deste goberno”, sinalou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, en rolda de prensa apuntando ademais que o goberno local prantexaba temas diferentes ao obxecto da convocatoria e que se celebrase na cidade olívica.

Tendo en conta esta última postura do goberno local e a total dispoñibilidade que pretende a Xunta de Galicia para avanzar no proxecto da estación intermodal e tamén para prestar a súa colaboración na mellora da conectividade do servizo do transporte urbano con Peinador, a dirección xeral de Mobilidade convocou ás dúas representantes do goberno local que trasladaron a súa conformidade a acudir á reunión a un encontro esta tarde na Delegación da Xunta.

O delegado territorial manifestou a clara vontade do Goberno galego en continuar co proxecto da estación intermodal e neste senso deixou claro que a Xunta financiará o 100% da estación de autobuses. De feito, o Goberno galego está a avanzar actualmente na redacción do proxecto construtivo da nova estación de autobuses de Vigo que, integrada na terminal ferroviaria, fará desta cidade a primeira de Galicia con estación intermodal.

E de acordo co modelo que se está a seguir nas cidades da Coruña, Santiago e Ourense, no caso de Vigo, e coma lembrou López-Chaves, a Xunta entende que é responsabilidade do Concello dotar de accesos ao novo complexo, máis aínda tendo en conta que eses accesos darán servizo tamén á terminal ferroviaria –á que actualmente non poden acceder os autobuses urbanos- e ao centro Vialia proxectado.

Cabe lembrar que a Dirección Xeral de Mobilidade solicitou o pasado mes de febreiro outra xuntanza ao concelleiro de Fomento para abordar a colaboración entre a Xunta e a Administración local para mellorar o funcionamento do servizo de autobús ao aeroporto de Peinador. Tendo e conta a comunicación feita onte polo Concello de Vigo, dito asunto tratarase hoxe tamén na reunión convocada para esta tarde.

12 de abril de 2016 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.