A Xunta súmase ao envío de axuda humanitaria a Ecuador para os afectados polo terremoto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Europa Press

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONG Farmamundi, sumouse ao envío de axuda humanitaria dende España para atender aos damnificados polo terremoto de 7,8 graos que afectou o pasado sábado a Ecuador e que deixou polo momento máis de 400 vítimas mortais e miles de feridos.

En coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional, nas próximas horas sairá da base de Torrejón un avión cara a Ecuador con axuda humanitaria procedente de distintos puntos de España, principalmente auga, material de acubillo e kits de asistencia inmediata de medicamentos e material sanitario.

Esta actuación súmase a outras que a Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende 2009 no marco dos oito convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humana. O convenio deste ano asinouse o pasado mes de decembro por importe de 50.000 euros.

Ao longo destes anos de colaboración, Xunta e Farmamundi activaron este tipo de resposta inmediata en diferentes situacións de emerxencia, como os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida en El Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e a República Democrática do Congo ou as emerxencias por chuvias en Nicaragua, entre outras.

19 de abril de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.