A Xunta reitera a necesidade de que o concello de Vigo colabore no apoio ás familias en risco de perder a súa vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia reitera a necesidade de que o Concello de Vigo colabore coa Administración autonómica no traballo de apoio e procura de respostas ás familias que se atopan en risco de perder a súa vivenda.

Así o considerou hoxe o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen valorou as últimas declaracións feitas pola concelleira de Benestar Social ao respecto sinalando que “poñen en evidencia” ao alcalde Abel Caballero ao recoñecer que na cidade hai desafiuzamentos a pesares de negalo o rexedor “de xeito alarmante” nos últimos meses. “Pon de manifesto que Caballero non dicía a verdade cando sinalaba que en Vigo non había desafiuzamentos, Abelairas recoñece que si os hai e que as declaracións do alcalde non se axustaban á realidade”.

Ademais, especificou que “non é certo” que o Concello de Vigo non teña competencias en materia de vivenda social poñendo coma exemplos municipios de España, coma Madrid ou Santiago, que contan con empresas municipais de vivenda que se dedican á promoción, construción, urbanización e adxudicación de vivendas sociais. “Non pode botar balóns fora porque poden facelo”, dixo. A pesares diso, informou que a Xunta entregou nos últimos anos 450 vivendas de promoción publica na nosa cidade ademais de certificar a cualificación coma vivenda protexida doutras 1.263. “Non fixemos mais porque o concello non cedeu terreos estes anos para poder construílas”, dixo.

Neste senso, este mesmo ano o Goberno galego prevé licitar as preto de 80 vivendas de promoción pública que construirá nas rúas Chantada e Ignacio Grobas e que edificará o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) toda vez que a Administración local faga efectiva a cesión dos terreos. Ademais, o delegado lembrou que o alcalde Caballero “comprometeu a construción de 6.000 vivendas sociais fai seis ou sete anos e non fixo nin unha”, polo que rematou considerando que “si ten competencias” para promover vivendas de promoción pública “pero non o fixo”.

Con todo, cabe lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda lle ten reclamado ao Concello de Vigo –esta mesma semana por segunda vez- que poña as vivendas baleiras de propiedade municipal á disposición das necesidades urxentes das familias en risco de perder o seu fogar ademais de reiterar a solicitude de que o Concello de Vigo se adhira canto antes ao convenio que a Xunta asinou coa Fegamp destinado a que os concellos se impliquen coa mobilización de vivendas baleiras para destinalas a alugueiros sociais e para as que achegará como garantías un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobros con asistencia xurídica incluída.

22 de abril de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.