A Xunta presenta a campaña “Comercio con talento” ao alumnado de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, mantivo esta mañá un encontro co alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Portovello, en Ourense, para presentarlle a segunda edición da iniciativa Comercio con talento, unha campaña coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a innovación e o emprendemento no eido comercial entre a mocidade galega, con especial atención aos estudantes que reciben formación profesional específica sobre este sector.

Na campaña poden participar os alumnos e alumnas dos 26 centros de Galicia nos que se imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Así, preto de 800 mozos e mozas teñen a posibilidade de formar parte desta iniciativa. Na provincia de Ourense, ademais do alumnado do CIFP Portevello, poden participar os estudantes do CPR Santo Cristo.

A directora xeral de Comercio detallou aos alumnos e alumnas que o concurso celebrarase durante o que resta de abril e o próximo mes de maio. Esta iniciativa consiste en que os estudantes avaliarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. Estas tarefas de busca do local con talento realizaranse sempre baixo a supervisión e control do centro educativo.

A continuación, os participantes elaborarán un proxecto sobre o comercio elixido, para o que deberán contar coa autorización do propio establecemento. Aínda que o concurso é individual, dous ou máis alumnos si poden escoller o mesmo comercio, repartíndose o premio entre eles de resultar o negocio gañador. Os proxectos teranse que enviarse antes do 15 de maio.

Un xurado especializado, formado por técnicos da Xunta e expertos en materia de comercio, será o encargado de escoller aos 14 comercios con máis talento de entre os propostos, ao tempo que fará unha preselección doutros 20 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 15 premios sexa decidido polo número de me gustas que reciba.

Os alumnos autores dos 15 proxectos gañadores recibirán un iPad mini como premio. O fallo do xurado está previsto que se emita durante a primeira semana de xuño e a lista cos alumnos gañadores publicarase a continuación na web do Portal do Comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es/) e nas redes sociais que ten vinculadas (Facebook e Twitter).

A campaña Comercio con talento forma parte das iniciativas coas que se apoia ao sector comercial, un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha programas de axudas por preto de 6 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, mellorar a imaxe e modernizar os negocios, fomentar o relevo comercial, revitalizar o comercio de proximidade ou conceder bolsas de formación.

27 de abril de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.