A Xunta mostra preocupación porque o PSOE poña en dúbida a incorporación de Vigo ao transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A Xunta de Galicia mostrouse este luns “preocupada” porque o PSOE, e en concreto, o deputado Abel Losada, “poña en dúbida” a incorporación de Vigo ao plan de transporte metropolitano do goberno autonómico, que foi un “compromiso” do alcalde olívico, Abel Caballero, como paso previo e requisito para que a nova lei da área metropolitana fose aprobada en Consello.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, quen sinalou que a Xunta segue “a folla de ruta” pactada cos municipios e que culminará coa chegada do texto da lei ao Parlamento, prevista para o mes de maio.

Con todo, Rueda referiuse ás palabras de Abel Losada na comisión primeira do Parlamento, na que o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, compareceu o pasado venres para dar conta de como van os trámites da lei.

Nese foro, Abel Losada mostrou o seu desacordo coas condicións nas que Vigo entraría no transporte metropolitano, porque a cidade tería que pagar parte do transbordo dos viaxeiros de fóra, cando estes chegasen a Vigo e tomasen un bus urbano. “Espero que o do señor Losada sexa un lapsus, e que sexa desmentido polo alcalde”, apuntou Rueda.

O vicepresidente insistiu en que a incorporación de Vigo a ese plan de transporte é un “compromiso” asinado por Caballero e asumido ante os demais rexedores da área. “Non teño por que dubidar da súa palabra”, apostilou.

“SE SE PODE NON PAGAR, MELLOR”

Cuestionado acerca desta cuestión, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que as declaracións de Losada, sobre o “inxusto” de que a cidade teña que facer unha achega económica neses transbordos, o rexedor precisou que se trata dunha “opinión” do deputado socialista.

En todo caso, sinalou que se se pode non pagar, mellor”. “Arranxarémolo ben, nesta cidade sabemos o que facemos. Iso arranxarémolo ben, cando eu considere que é o momento”, engadiu.

Así mesmo, subliñou que “o que Rueda ten que explicar é por que non quere que Vigo teña servizos de capital de provincia”. Caballero insistiu en criticar que a Xunta se nega a pór un parágrafo (na lei da área metropolitana) que diga que Vigo ten que ter servizos equivalentes a unha capital de provincia”.

11 de abril de 2016 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.