publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta inviste 500.000 euros en obras de reforzo de firme en varias estradas da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOleiros
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá as dúas estradas do Concello de Oleiros cuxo firme vai ser reparado proximamente pola Xunta de Galicia, xa que forman parte dun contrato de licitación publicado hoxe no DOG para a execución de obras de mellora en treitos localizados de varias estradas da provincia da Coruña por un investimento de máis de 500.000 euros.

Do total do orzamento previsto, máis da metade (252.183,03), irá destinado a arranxar estradas neste municipio.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), mediante a licitación deste contrato, avanza nos trámites necesarios para a execución das obras de rehabilitación da capa de rodadura en estradas de titularidade autonómica ao seu paso polos concellos de Oleiros, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Cambre e Sada.

Melloras en treitos localizados

No Concello de Oleiros serán obxecto destas actuacións a estrada que conecta Perillo e Mera (AC-173), entre os PK 0 e 7+660, onde ademais das reparacións puntuais, prevese a extensión dunha nova capa de firme en toda a sección entre o PK 0 e 1, na travesía de Perillo. Tamén neste municipio se mellorará o tramo comprendido entre os PK 1+880 e 4+325 da vía Perillo- Oleiros (AC-174) e o treito que vai do PK 0 a 2+450 da estrada O Carballo-Santa Cruz (AC-190), onde se efectuarán arranxos na travesía do Carballo.

No Concello de Sada, reforzarase o firme na estrada que conecta coa localidade de Arillo, concretamente no intervalo ubicado entre os PK 1 e 6+560 da AC-183.

No municipio de Cambre, a Xunta executará actuacións de mellora na travesía do Burgo, situada entre os PK 0 e 0+500 da estrada San Pedro- A Pasaxe (AC-211).

No contrato licitado hoxe tamén se contemplan traballos de adecuación do firme en máis de 4 quilómetros da estrada As Angustias-Bergondo (AC-161), beneficiando así aos concellos de Betanzos e Bergondo.

Outra estrada contemplada nestas actuacións de mellora é a que une Betanzos e Mesón do Vento (AC-542), prevéndose a rehabilitación da rodadura no tramo entre os PK 1 e 2+400, que se sitúa no Concello de Betanzos, e no treito que vai do PK 14+200 ao 15+100, xa situado en Abegondo.

As obras de reforzo de firme cuxa licitación se anuncia hoxe no Diario Oficial de Galicia forman parte dun Plan de actuacion deseñado polo Goberno galego en desenvolvemento do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020. En total, esta liña de traballo suporá o investimento de 23,5 millóns de euros na mellora do firme de 570 quilómetros de estradas, dos que 200 quilómetros serán travesías.

Nove sendas peonís na comarca

Durante a súa visita a Oleiros, o delegado territorial lembrou que o Plan de Sendas de Galicia inclúe tres percorridos neste municipio: entre Montrove e As Pedreiras, na AC-174 e cunha lonxitude de 1,05 km; entre As Pedreiras e O Carballo, na AC-190 e de 400 metros de lonxitude, e a de Mandín-As Torres, na AC-182 e cunha lonxitude 300 metros.

Segundo explicou Diego Calvo, estas actuacións dan resposta a unha demanda veciñal de hai anos, xa que discorrerán por zonas escolares e por puntos moi utilizados polos residentes no municipio para os seus desprazamentos habituais.

“Trátase de sendas peonís situadas en estradas cunha intensidade de tráfico diaria moi elevada, e moi utilizadas polos veciños porque comunican núcleos de poboación con centros escolares, centros para persoas maiores ou instalacións deportivas”, matizou o delegado territorial.

Afondou nas explicacións que deu hai uns días a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e confirmou que a comarca da Coruña é unha das sete seleccionadas para o desenvolvemento da primeira fase deste Plan de Sendas, prevendo a execución de nove novos percorridos mediante o investimento de algo máis de 4 millóns de euros.

Ademais das obras previstas en Oleiros, contémplase tamén a construción dunha pasarela na AC-552, para garantir a mobilidade transversal entre Marineda e A Grela; e a mellora de accesos peonís no entorno da AC-552; comunicacións peonís e ciclistas no entorno da Telva; Cambre-Sigrás-O Burgo; Sigrás; Fontán; Pastoriza-Vilarrodís.

Estas novas sendas, que sumarán preto de seis quilómetros, uniranse a outras xa executadas pola Xunta na zona, como a rematada hai unhas semanas na AC-542, no núcleo das Travesas, en Carral, unha actuación destinada á mellora da seguridade dos peregrinos no Camiño Inglés cara a Santiago e na que se investiron máis de 115.000 euros.

8 de abril de 2016 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.