publicidade hoxe

A Xunta investirá 53.000 euros en varias estradas de Friol para a mellora da seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriol
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Friol para levar a cabo a mellora do firme de varias rúas deste municipio lucense, posto que este concello conta cunha serie de rúas que necesitan ser reparadas, co fin de ofrecer unha maior seguridade aos vehículos que circulan por elas. A Xunta asume o compromiso de financiar as obras, destinando case 53.000 euros.

Esta actuación forma parte do Plan de reforzos de firme previsto no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020 e que ten como obxectivo estratéxico a consecución de vías de tránsito e mobilidade máis seguras, polo que a actuación que se vai realizar nesta localidade lucense consiste basicamente no reforzo do firme e a sinalización horizontal de diversas rúas do concello.

O obxecto do convenio, que terá vixencia ata o 31 de decembro deste ano, é o establecemento das condicións que rexerán a colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), organismo dependente da Consellería de Infraestruturas de Vivenda, e o Concello de Friol para a mellora do firme das seguintes rúas municipais: rúa Concello-Igrexa; avenida Rosalía de Castro; rúa Mil Mañas; e a estrada da Baiuca.

O Concello de Friol terá que elaborar o documento técnico e executar as obras; asumir as obrigas económicas que excedan do importe consignado; comunicar á AXI a alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto deste convenio e comunicarlle a este organismo a data de recepción das obras, entre outras obrigas.

Para o seguimento, control e avaliación de cantas dúbidas poidan xurdir na aplicación do convenio constituirase unha comisión de seguimento, coa participación dun representante da Axencia Galega de Infraestruturas e dun representante do Concello de Friol. A comisión poderase reunir as veces que se estime oportunas para o cumprimento do convenio.

21 de abril de 2016 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.