A Xunta iniciará no verán a contratación das obras da senda entre Soutullo e Major
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Toruís, supervisou hoxe o inicio das obras da senda peonil e ciclista que conecta Soutullo e A Lanzada, na estrada PO-308. Vázquez avanzou que o seguinte treito a executar será o de Soutullo- Major, cuxa contratación das obras comezará no verán e indicou que tamén se licitarán este ano as obras do último tramo que vai ata Portonovo.
As obras de execución da senda entre Soutullo e A Lanzada, que se levará a cabo ao longo de case 2,8 quilómetros, contará cun investimento de arredor de 3,3 millóns de euros. As accións centraranse na execución dun itinerario peonil e ciclista que dará continuidade á senda existente actualmente na Lanzada.
Neste tramo realizaranse melloras nas interseccións; executarase unha glorieta na zona de enlace con varías vías secundarias, para garantir os cambios de sentido; e crearanse 200 novas prazas de aparcadoiro, apostando polo máximo aproveitamento. Ademais mellorarase a sinalización horizontal e vertical; acometeranse actuacións puntuais de rehabilitación do firme; e construiranse tres pasarelas de madeira para dar continuidade ao itinerario ciclista, ao ter que cruzar diversos leitos.
A conselleira explicou que estas obras contan cun prazo de execución de 15 meses, polo que estarán rematadas no verán de 2017. Precisou que durante o mes de agosto evitarase a realización de traballos, para interferir o menos posible no turismo e evitar as posibles molestias aos miles de visitantes que cada verán se achegan a esta zona para desfrutar dos excelentes areais; establecéndose as medidas oportunas para garantir a circulación pola PO-308 en condicións de máxima seguridade e comodidade para todos os usuarios da vía.
Este itinerario entre Soutullo e A Lanzada forma parte dun proxecto máis ambicioso que contempla a construción dunha senda peonil e ciclista entre Portonovo e A Lanzada, de preto de 9 km que se vai desenvolver por fases e na que se investirá arredor de 6,5 millóns de euros. O seguinte treito a executar será o de Soutullo-Major, do que en maio xa se terá o proxecto redactado, o que permitirá comezar a contratación das obras no verán.
No que se refire ao último dos treitos, entre Major e Portonovo, Ethel Vázquez sinalou que o seu departamento vén de asinar o contrato para a redacción do proxecto, o que posibilitará que as obras sexan licitadas neste exercicio.
Vázquez lembrou que esta nova actuación enmárcase no Plan de Sendas de Galicia que, nunha primeira fase e para esta comarca do Salnés prevé a construción de 5 novas sendas, seguras, sostibles e integradas na paisaxe, o que supón 16,7 km de actuacións e un investimento de case 9 millóns de euros.
A responsable de Infraestruturas subliñou que con esta actuación estase a apostar por un novo itinerario peonil e ciclista que suporá unha importante mellora na seguridade viaria, incidirá positivamente na economía local, xa que suporá un forte pulo para o turismo, e redundará tamén nunha mellora do medio ambiente.