A Xunta iniciará en maio a construción da última fase de beirarrúas na estrada LU-162, en Foz
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Foz, Javier Castiñeira, ao que lle trasladou que esta semana analizaranse as ofertas presentadas polas empresas coa fin de iniciar a última fase das beirarrúas de Cangas de Foz a finais do vindeiro mes de maio.
Estas actuacións, que completarán o proxecto de beirarrúas executado pola Xunta en Cangas de Foz, centrarase na construción destas infraestruturas na estrada entre Ferreira de Valadouro e Cangas de Foz (LU-162). Continuaranse as beirarrúas executadas entre os anos 2013 e 2015 na citada estrada, entre os puntos quilométricos 11+370 e 12+460, na intersección coa N-642. Nesta última fase construiranse 160 metros de beirarrúa por cada marxe da estrada e colocarase unha rede de recollida de pluviais.
En total, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, realiza un investimento económico de preto de 460.000 euros neste proxecto, que se dividiu en tres etapas, das que as dúas primeiras xa están executadas.
Nunha primeira fase, a Consellería de Infraestruturas dotou de beirarrúas o treito da estrada LU-162 que vai dende o punto quilométrico 11+945 ao 12+460, rematándose os traballos en setembro de 2013.
Na segunda fase, mellorouse a seguridade viaria da estrada Ferreira de Valadouro – Cangas de Foz (LU-162), nunha lonxitude de 475 metros, entre os puntos quilométricos 11+370 e 11+945, conectando coas executadas no primeiro tramo.
O Goberno galego continúa a traballar na mellora das estradas autonómicas coa fin de incrementar a seguridade viaria dos usuarios, aumentando así a calidade de vida dos cidadáns, así como potenciando o desenvolvemento económico e social dos concellos galegos.