A Xunta destina 20 millóns de euros ás obras da cidade administrativa de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A Xunta destinará un máximo de 20 millóns de euros ás obras para converter a actual estación de autobuses de Santiago na Cidade Administrativa de San Caetano, que prevé estea lista no horizonte de 2020, como “moi tarde”, “de forma paralela” á realización do proxecto da nova intermodal.

Diso informou este venres en rolda de prensa a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que presentou o concurso de ideas para o deseño desta cidade administrativa na que traballarán un total de 1.300 empregados públicos. Un proxecto que incluirá unha gardaría con 75 prazas, un arquivo e a ampliación do aparcamento.

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a convocatoria do concurso de ideas, ao que se poderán presentar proxectos ata o 8 de xuño. Así, se outorgarán tres premios: o 1º, dotado de 30.000 euros; o 2º, con 20.000 euros, e o 3º, con 10.000 euros.

A valoración estética e funcional terá unha puntuación máxima de 100 puntos; a viabilidade económica, 45 puntos; e os criterios de calidade na documentación, 10 puntos. Pola súa banda, o xurado estará composto por arquitectos de diversas administracións.

Nesta liña, Ethel Vázquez explicou que se busca “construír cidade” cun barrio con calidade estética, ademais da funcionalidade das novas instalacións e a eficiencia enerxética. Todo iso, cun edificio co que a Xunta aspira a reducir o 75% do aluguer de inmobles, cun aforro de 5,65 millóns de euros ao ano.

AVANCE NA INTERMODAL

Tamén se referiu Ethel Vázquez ao “clima de cordialidade” na recente reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, para abordar o proxecto da estación intermodal, que se realizará na actual estación de tren. Así, aposta pola “lealdade institucional” e “a lealdade cos veciños”.

Hai uns días adxudicouse a redacción dos proxectos básicos e de execución da nova terminal de autobuses. Desta forma, espera que este mes de abril se poida asinar o convenio para o avance da intermodal e que no mes de maio o Concello de Santiago inicie expropiacións, así como a adecuación do plan urbanístico a través dun plan especial.

8 de abril de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.